CRTVG

Buscar

A folga contra o xuízo do 'procés' non consegue paralizar Cataluña

Publicado o 21/02/2019 21:08

Cataluña viviu hoxe unha xornada de folga para apoiar os líderes independentistas que están sendo xulgados no Tribunal Supremo. O paro, ao que se sumou a Generalitat, foi maior entre os estudantes, pero escaso na industria e no comercio. O xuízo aos 12 acusados polo proceso soberanista continuará a semana que vén cos interrogatorios a Jordi Cuixart e Carme Forcadell.

Milleiros de persoas manifestáronse polas rúas de Barcelona para protestar polo xuízo aos líderes independentistas. Foi o último acto dunha xornada de folga convocada por un sindicato minoritario á que se sumou o Goberno catalán, que cancelou todos os actos públicos previstos para este xoves.

Os servizos públicos, os grandes comercios e as principais industrias funcionaron con normalidade. Si houbo varias concentracións convocadas polos estudantes, cortes de estradas e do tráfico ferroviario.

Mentres, no Tribunal Supremo continúan os interrogatorios aos acusados. O ex-presidente da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sánchez, respondeu durante máis de tres horas ás preguntas do fiscal sobre o sucedido uns días antes do referendo, durante o rexistro da Consellería de Economía.

Jordi Sánchez, ex-presidente da ANC: "É falso o relato que desde algúns informes se quixo explicar, e desde algúns medios de comunicación e xerar un relato de que houbo un intento permanente de asalto, é falso".

Antes declarou o ex-conselleiro de Empresa, Santi Vila, que rompeu con Puigdemont por non estar de acordo coa vía unilateral. Vila cre que o ex-presidente da Generalitat estaba decidido a convocar eleccións porque así se acordara con altos cargos de Madrid, pero non soportou a presión. 

Santi Vila, ex-conselleiro de Empresa: "Porque somos aprendices de magos ante a presión das redes sociais, estaban chamando traidor ou covarde ao presidente Puigdemont e iso xeraba unha confusión xeral no estado de ánimo, se non somos capaces de xestionar emocionalmente isto, eu, sentíndoo moito, voume".

O próximo martes finalizarán as declaracións dos acusados cos interrogatorios a Jordi Cuixart e á ex-presidenta do Parlamento, Carme Forcadell. Despois comparecerán as testemuñas políticas entre as que figuran Mariano Rajoy e Artur Mas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019