Marios Casas e tres curtas galegas, candidatas aos Goya
O actor galego Mario Casas competirá ao premio á mellor interpretación masculina polo seu traballo en 'No matarás' nuns Premios Goya para os que están nomeadas dúas producións de animación con participación galega ('Homeless Home' e 'La gallina Turuleca'), así como a curtametraxe documental 'Solo son peces'.
Na categoría mellor actor protagonista están nomeados Mario Casas, por 'No matarás'; Javier Cámara, por 'Sentimental'; Ernesto Alterio, por 'Un mundo normal'; e David Verdaguer, por 'Uno para todos'.
Alberto Vázquez xa sabe o que é gañar tres goyas. Mentres prepara o seu novo filme, A guerra dos unicornios, podería recoller o cuarto con Homeless Home, unha curta de animación na que o cineasta coruñés volve poñer en escena a súa categoría no debuxo e a súa habilidade para crear as personaxes máis corrosivas do cinema español.
Entre os finalistas de curta de ficción, outro galego: Álvaro Gago, co seu traballo 16 de decembro. Será a súa segunda experiencia, tras o paso pola alfombra vermella con Matria no 2018, curta da que prepara xa a súa primeira longa. 16 de decembro é o retrato do acoso machista máis violento nas rúas de Vigo.
E Solo son peces, de Paula Iglesias, que codirixe coa bilbaína Ana Serna, opta a mellor curta documental pola súa historia sobre tres mulleres que traballan nunha piscifactoría nos campos de refuxiados do Sáhara.