CRTVG

Buscar

Tres contaxios de coronavirus de orixe descoñecida, un deles grave, dos 23 hospitalizados

Publicado o 27/02/2020 19:35

• Confírmanse seis novos casos en Valencia e dous en Castela e León

• Finaliza o confinamento no hotel de Tenerife

• Os cinco españois repatriados de Wuhan ingresan sen síntomas no Gómez Ulla

• O Sergas activa o teléfono 902 400 116 para información xeral do coronavirus | As consultas por síntomas, no 061

Vintedous persoas están hospitalizadas ao dar positivo en coronavirus en España, unha delas moi grave, un home de 77 anos ingresado na unidade de coidados intensivos do Hospital de Torrexón (Madrid). Tres deles contaxiáronse en España e o resto polo seu paso por Italia. Catro están ingresados en Tenerife; catro en Madrid; tres en Barcelona; un na Gomera; oito en Valencia; un en Castellón, un en Sevilla, un en Segovia e outro máis en Valladolid. 

Valencia confirmou na tarde do xoves seis novos casos. Catro deles teñen relación co xornalista de 44 anos ingresado no Hospital Clínico de València desde este xoves pola madrugada, outro é un estudante italiano que viaxara recentemente á zona de risco e a última é unha paciente que tamén estivera en Milán hai pouco. Os outros dous casos son unha muller que viaxou recentemente a Milán e á que se lle realizou o test de detección rapidamente e que está no Hospital de Sagunt. O último é un estudante italiano que estivera na zona máis afectada no seu país e que está no Hospital Doutor Peset de València. 

Dende a Dirección Pública de Saúde Pública de Castela e León informaron durante a tarde dos primeiros dous casos en Castela e León. Un rexistrouse en Segovia e trátase dun mozo italiano e outro é un enxeñeiro iraniano. 

Sanidade mantén o actual escenario de contención "porque 'a priori' non hai transmisión comunitaria descontrolada, nin entradas masivas de casos importados que puidesen implicar unha transmisión ampla", explicou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, tras a reunión do Comité de Seguimento e Evolución do Coronavirus. "

"Temos que ir con moito coidado e valorar hora a hora como evoluciona a situación tanto fóra de España como no noso país e, ante calquera modificación da apreciación do risco ou cambio das medidas, informarémolos", insistiu. O responsable sanitario explicou os escenarios teóricos se se chegase a casos de transmisión comunitaria e que afectasen grupos de persoas, como reducir aglomeracións, aínda que destacou que "agora non son necesarias ningunha desas medidas e falar deses escenarios pode inducir a equivocación da poboación".

Séguese investigando a contorna e as ligazóns de persoas que viaxasen fóra do país da contorna dos tres pacientes contaxiados en España para localizar o vínculo: o hospitalizado en Sevilla, un home de 62 anos ingresado no Virxe do Rocío, e os outros dous de Madrid, ingresados no Hospital de Torrexón. "Se hai casos que non identificamos a orixe, estamos máis preto dun novo escenario", informou o responsable de Sanidade.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a súa comparecencia no Congreso para explicar as liñas prioritarias do seu departamento, dixo non ter "ningún inconveniente" en explicar en sede parlamentaria a situación do coronavirus. "Comprométome e creo que o podo dicir con toda autoridade a darlles a vostedes a información que precisen, cando a precisen e a que queiran ter", díxolles o ministro aos membros da Comisión de Sanidade, cuxos grupos, excepto Vox, mostraron o seu apoio á xestión e ás medidas que Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, está a adoptar para facerlle fronte ao COVID-19, así como a confianza no sistema sanitario e os seus profesionais.

Os dous novos casos de Madrid estaban ingresados no Hospital de Torrexón de Ardoz desde hai días por pneumonía, ningún deles viaxara a zonas de risco e deron positivo a madrugada deste xoves tras a aplicación do protocolo que esixe analizar os casos de pneumonía en que non se tipificou o virus.

Pola súa banda, os cinco cidadáns españois procedentes de Wuhan que chegaron á primeira hora da tarde a España sen síntomas de contraer o coronavirus xa foron ingresados no Hospital Central da Defensa Gómez Ulla, para iniciar os 14 días de corentena. Segundo Sanidade, ningún deles mostrou síntomas tanto nos tests practicados a súa saída da China como nos realizados á chegada a España, repatriados polo Ministerio de Exteriores nun avión que aterrou na base aérea de Torrexón ás 14.20 horas.

En Tenerife permitiuse a todos os clientes dun hotel do sur da illa, onde se aloxaron catro contaxiados polo coronavirus, irse ás súas casas ao seguir sen síntomas, aínda que deben garantir que van ser sometidos a un seguimento activo nos seus países de orixe.

 

Noticias web

27/02/2020