CRTVG

Buscar

Confirman o contaxio por coronavirus dun mozo de 15 anos en Vigo

Publicado o 06/03/2020 21:01

• Está hospitalizado en bo estado de saúde xunta a súa nai, que deu positivo onte | Estáselles facendo un seguimento aos seus contactos, incluídos aos do instituto de Moaña en que estuda | Os outros tres contaxiados en Galicia seguen estables

Así foi a conferencia de prensa

Xa son catro as persoas con coronavirus en Galicia. O cuarto caso é un rapaz de 15 anos que é fillo da muller que está infectada. E a parella dela tamén o está. Estamos diante dun brote familiar. Os tres están ingresados no Álvaro Cunqueiro en réxime de illamento. O menor e máis a súa nai teñen síntomas leves, a parella da muller está estable. Tamén segue estable o infectado  que está ingresado na  Coruña. A Consellería de Sanidade confirma que os catro casos que hai en Galicia son importados. O paciente que está ingresado na Coruña viña de Madrid. Dos tres casos de Vigo, foi o home o que estivo na capital de España.

O cuarto positivo en Galicia é un menor. O rapaz ten 15 anos. É fillo da muller que tamén deu positivo. A parella da muller tamén ten coronavirus. Os tres están ingresados en illamento no Álvaro Cunqueiro. O rapaz está ben clinicamente.

"É o que chamamos un brote familiar. É un rapaz de 15 que é fillo dunha das persoas que xa é paciente desta enfermidade", di Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

A nai do menor tamén apenas ten síntomas, a parella dela e mais o paciente ingresado na Coruña que teñen pneumonía están estables.

"Están estables, dentro que teñen ese proceso pneumónico, pero están estables",. afirma Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

O menor positivo por coronavirus estuda nun instituto de Moaña. As autoridades decidiron non pechalo, din que non hai ningún motivo para facelo. O que si activaron foi o protocolo de identificación e seguimento dos contactos. Distinguen entre os estreitos que son os que comparten aula e transporte co menor e resto de alumnos e profesionais do centro que son contactos casuais.

"Nos contactos estreitos, vaise facer unha vixilancia activa: vaise chamar durante 14 dias a alumnos, profesores e outros profesionais do centro para preguntarlles se teñen algún síntoma que poida alertar. Aos contactos casuais váiselles facer unha vixilancia pasiva, é dicir, eles mesmos van facer unha autovixilancia deses propios síntomas e chamarán ao 061, insistimos en que non deben acudir a ningún centro sanitario", afirma Miguel Álvarez Deza, xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas en Pontevedra.

Sanidade insiste en chamar á tranquilidade porque os catro casos son importados o que indica, din, que o virus segue sen circular por Galicia. Recordan que para calquera dúbida co coronavirus hai dous teléfonos o 061 e máis o 900 400 116. Ademais o Sergas acordou que o illamento dos profesionais sanitarios por estar en contacto con pacientes infectados, será considerado accidente laboral e non baixa común.

 

 

 

A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Así Galicia ten catro casos confirmados de coronavirus. Un na Coruña e tres en Vigo.

Sanidade vixía as persoas máis próximas a eses tres membros desta familia que están ingresados no hospital vigués e xa contactou co instituto de Moaña onde estuda o rapaz. Compañeiros e profesores están baixo vixilancia. De momento, todos os contaxiados confirmados teñen entre 40 e 50 anos e todos veñen de Madrid. A ollos dos expertos isto confirma que, de momento, aquí en Galicia aínda non circula o virus. 

Galicia está a seguir o protocolo do coronavirus vixente no Estado. No momento en que solicita unha proba, censa todos os posibles contactos. Illa os profesionais médicos e fai un seguimento do resto. 

Víctor Del Campo, xefe de servizo de Medicina Preventiva do Hospital Álvaro Cunqueiro: "Os contactos tanto hopistalarios, profesionais, visitas, acompañantes e contactos domiciliarios están estudados".

No último caso, o do fillo da muller ingresada en Vigo, a proba do Cunqueiro non era concluínte. Por iso se envía unha mostra ao Centro Nacional de Microbioloxía. E, á espera do resultado definitivo, xa se estudaban os contactos máis próximos. Tamén no instituto do menor.

Sanidade leva 170 probas en Galicia e destaca que os positivos son casos importados, que se infectaron fóra. Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade: "Iso significa que estamos facendo probas a moitísimos teóricos pacientes que non o son. E iso para nós é bo".

O Sergas mantén abertos os teléfonos do 061, en caso de que se aprecien síntomas, e o número gratuíto de información 900 400 116.

 

Noticias web

06/03/2020