Tres cans acompañarán os máis pequenos ao xulgado cando teñan que declarar
O xulgado de violencia de xénero de Betanzos estrea un proxecto pioneiro en España para axudar as vítimas máis vulnerables: os menores. Tres cans educados especificamente para este fin acompañarán os nenos e as nenas ao xulgado cando teñan que declarar, dentro dun programa teapéutico promovido pola Fundación María José Jove.
Venus, Bosco e Pot non só son cariñosos e obedientes, o seu é un cometido que vai moito máis aló do dos animais de compaña. Porque neles as vítimas máis vulnerables da violencia de xénero, os nenos e as nenas, teñen a axuda que ningunha persoa é quen de darlles, xusto nun dos momentos máis angustiosos como é o paso por un xulgado.
Roberto Barba, xuíz de violencia de xénero de Betanzos: "O menor está bloqueado ou estresado porque viviu unha situación moi tensa na súa casa... Fan unha negación ou entran nese bucle de quedar calados, de omitir as súas emocións".
Lucía Lombardía, terapeuta: "Non damos conseguido que o neno se abra a nós, en cambio o can si que o dá conseguido porque é un amigo que non o vai xulgar. E o que perseguimos é iso, esa empatía, empoderar ese neno para poder conseguir a súa autonomía e a súa confianza".
"E se sabemos oque lle pasa ao menor saberemos implementar as medidas necesarias para conseguir o benestar do menor", engade o xuíz.
E iso é o que conseguen estes cans, valiosos terapeutas, que, nunha experiencia pioneira en España, acompañarán os menores ao xulgado de violencia de xénero de Betanzos. O proxecto é posible grazas á colaboración de distintas entidades e administracións.