CRTVG

Buscar

Tres atletas galegas compiten no Mundial de Dubai

Publicado o 11/11/2019 20:22

Adiaratou Iglesias, Susana Rodríguez Gacio e Desirée Vila. Elas son as tres representantes galegas no campionato do mundo de atletismo que se está a celebrar en Dubai:

"Ola, son Adiaratou Iglesias Forneiro, veño disputar o meu primeiro campionato mundial".
"Ola, eu son Susana Rodríguez, habitual do paratríatlon, pero nesta ocasión estou aquí en Dubai para disputar o meu primeiro campionato do mundo de atletismo".
"Ola a todos, son Desirée Vila e estou no meu primeiro campionato do mundo de atletismo adaptado porque eu antes era ximnasta".

Susana Rodríguez Gacio atrévese a saír da súa especialidade, o paratríatlon, para desafiar as mediofondistas no 1.500.

"Vou correr na proba de 1.500 metros. O meu obxectivo é estar o máis preto posible da miña marca, sabendo que vou competir contra rivais que dedican o seu día a día a preparar esta proba, que non é o meu caso. Estar na final sería xa un soño", sinala.

A vida de Desirée Vila cambiou por completo cando por un erro médico perdeu a perna dereita. Atopou a forza para se reinventar de ximnasta a atleta e tamén escritora. No horizonte, a ilusión dos Xogos Paralímpicos de Toquio.

"Estou aquí para disputar as probas de 100 metros lisos e salto de lonxitude e o meu obxectivo é facer a mínima para os campionatos de Toquio 2020, para os Paralímpicos, e mellorar a miña marca".

Os primeiros éxitos das nosas representantes xa chegaron con Adiaratou. Este martes entra en competición Desirée e o xoves Susana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019