CRTVG

Buscar

Tres aproximacións da ciencia para combater o coronavirus

Publicado o 17/03/2020 08:25
Tres aproximacións da ciencia para combater o coronavirus

O Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) traballa contra reloxo para atopar solucións eficaces que freen o novo coronavirus e centra as súas investigacións en tres "aproximacións experimentais": o desenvolvemento de antivirais, a procura de anticorpos que neutralicen o virus e conseguir vacinas mediante enxeñería xenética.

Así o resume o virólogo Luís Enjuanes, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas, un dos centros de referencia mundiais que traballan nesta materia e un dos oito centros españois que conseguiu un financiamento "exprés" da Unión Europea para axilizar esa investigación.

Luís Enjuanes, nun vídeo que distribuíu o CSIC a través das súas redes sociais, explica que a primeira liña de investigación é desenvolver antivirais contra o coronavirus que poidan ter un efecto terapéutico.

Esta "aproximación" baséase en estudos da interacción dos coronavirus coas células "hospedadoras", explicou o científico, e destacou que conseguiron identificar un antiviral "moi potente" que non só inhibía a replicación do virus, senón que proporcionaba ademais protección completa en modelos experimentais animais.

"Agora estamos a ver que eses antivirais tamén poden actuar sobre o novo virus, probablemente porque a identidade do xenoma é moi elevada con respecto ao novo", sinalou o investigador.

A segunda liña é a identificación de anticorpos que neutralicen o virus e que se poidan administrar ás persoas infectadas, tanto antes como despois do contaxio.

Luís Enjuanes explicou no vídeo distribuído polo CSIC que xa desenvolveron e avaliaron nas súas instalacións anticorpos monoclonais que neutralizan o coronavirus que apareceu en 2002 e tamén o que apareceu en 2014.

"Puidemos comprobar no noso laboratorio que estes anticorpos monoclonais protexen totalmente contra a infección por estes virus aínda que se administren despois de que os animais que usamos como modelos experimentais se infectaron", precisou Enjuanes, e explicou que están a utilizar agora as mesmas tecnoloxías de antivirais e anticorpos monoclonais neutralizantes para estudar os novos virus no laboratorio.

A terceira liña é o desenvolvemento de vacinas, e o investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía informou de que para iso estenderon as investigacións que veñen facendo desde hai varios anos.

Este centro de investigación está especializado en xerar vacinas por enxeñería xenética, algo que só se pode facer nun número moi limitado de laboratorios de todo o mundo, observou Luís Enjuanes, e incidiu en que a vacina non só ten que protexer e ser efectiva, "senón que ten que ser xeneticamente estable e biosegura; non pde evolucionar e regresar ao que puidese ser un virus efectivo e virulento".