CRTVG

Buscar

Tres anos despois, Mecalia e Hypo volven medirse en Europa

Publicado o 15/10/2021 20:16

Mecalia e Hypo cítanse por cuarta vez na historia dos dous clubs. A ida da segunda eliminatoria da Liga Europea de balonmán dispútase este sábado en Austria. Pasaron xa tres anos desde que os dous equipos se mediron por útima vez. Con remonta do Guardés, por certo. Pero para algunhas, todo isto é novo.

 "Un pouco nerviosa estou. Son nova na categoría. E o debut europeo é especial", asegura María Sancha. 

Para as veteranas, esa chispa nunca desaparece. Ninguén o explica mellor que a capitá e líder do equipo.

"Toda competición é única. O día que deixemos de sentir nervios, mellor marchar. Eses nervios xeran tensión para competir", explica Marisol Carratú. 

Ese extra do que fala Carratú será o que empreguen para medirse co Hypo, un histórico da competición europea, con oito títulos conquistados entre 1989 e 2000. Na liga regular suma 42. O último de 2018. Dende aquela, o seu rendemento baixou un chanzo.

 "O Hypo ten unha historia moi grande en Europa. Fai anos conseguiu cousas importantes. Sempre ten boas xogadoras e adestrador. Hai que ter coidado", di Patricia Lima

Elas poñen o esforzo e nós dende aquí mandámoslles todos os azos. Despedímonos cunha pequena representación...

"Ola, son Javi Díaz, xogador do Balonmán Cangas. E para esta competición europea quería desexarvos moita sorte. Imos, Guardés!"

"Boas, son Kevin Vázquez, xogador do Celta. Quería mandarvos moita forza e moita afouteza para estes dous encontros da competición europea. Estamos moi pendentes e sobre todo moi orgullosos do que estades a facer. Moita forza, moita sorte. e... un, dous tres, Guardés!"








 

Noticias web

15/10/2021