CRTVG

Buscar

Tres anos de cadea para outro donxoán en Vigo por danos psíquicos e secuelas

Publicado o 16/05/2018 14:05

3 anos de cadea, unha indemnización de 53.000 euros máis intereses e outra de 9.000 euros polos danos psíquicos e secuelas. Esta é a condena que aceptou un home de 43 anos en Vigo que estaba acusado dun delito de estafa a unha muller. Finxiu unha relación sentimental cunha muller para obter un beneficio económico. Díxolle que estaba a tratamento e que os medicamentos custaban uns 6.000 euros ao ano.

O acusado, Adrián Darriba Iglesias, creou un perfil falso nunha rede social e adxuntou dúas fotos que non correspondían. Facendo uso del contactou coa vítima, e finxiu iniciar con ela primeiro unha relación de amizade e logo sentimental, que sempre se desenvolveu por medios telemáticos e telefónicos. Manifestoulle que era orfo e que tiña una estraña forma de epilepsia que lle facía precisar unha medicación que lle traían dos Estados Unidos, e que gastaba 6.000 euros ao mes para aboar a medicación.

Unha vez gañada a confianza da prexudicada, chamouna por teléfono para dicirlle que de camiño a Madrid tivera un accidente e que deixara a carteira na casa. A muller ingresoulle os cartos e a partir de aí nunca deixou de facelo ata chegar aos 53.000 euros. Sempre lle poñía escusas e a muller creíao ata un día que lle pediu os cartos e el comezou a insultala. A muller precisou de tratamento psicolóxico e a día de hoxe aínda ten secuelas. Houbo conformidade e non chegou a celebrarse o xuízo na sección quinta da Audiencia Provincial en Vigo. O acusado aceptou unha pena de 3 anos de cadea, devolverlle á vítima os 53.000 euros con intereses e por danos e secuelas outros 9.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2018