Trece países da UE acordan criterios para o pasaporte covid

O certificado de vacinación comunitario non deberá discriminar as persoas que non estean vacinadas. Este é un dos sete criterios acordados por trece países da UE, entre eles España, segundo informa o Ministerio de Turismo austríaco nun comunicado.
"Elaboráronse sete prioridades para o turismo, que agora se van remitir á Comisión Europea (CE), ao Parlamento Europeo e á Presidencia do Consello da Unión Europea", indica a nota.
Os participantes na iniciativa son Alemaña, Austria, Bulgaria, Croacia,Chipre, Dinamarca, Eslovenia, España, Francia, Grecia, Italia, Malta e Portugal, precisa. En opinión dos ministros de Turismo destas nacións, o documento comunitario "debería implantarse de xeito sinxelo e doado de usar, cun código QR uniforme".
Entre outros, esixen que os certificados reciban un trato igualitario e non supoñan unha discriminación. É dicir, que permitan tamén viaxar as persoas que non estean vacinadas, pero desen negativo nun test de covid ou desenvolvesen defensas contra o coronavirus por pasar a doenza.
Trátase de evitar que o novo documento introduza de feito, pola porta traseira, unha especie de vacinación obrigatoria. "O pasaporte verde deberá permitir ver dunha ollada se alguén ten vacina, recuperouse ou someteuse a probas diagnósticas", explica a titular de Turismo austríaca, a conservadora Elisabeth Köstinger.
O obxectivo é introducir o novo documento de xeito rápido e o máis uniforme posible a nivel comunitario porque "é unha cuestión de supervivencia para o turismo europeo", subliña.
Segunda a ministra, "dende a facturación no aeroporto ou o hotel, ata a visita a un bar de aldea ou a un evento deportivo, o pasaporte verde poderá facilitar moitas cousas". Iso si, os estados manterán a competencia e liberdade de decidir a nivel nacional que portas abrirá no seu territorio este certificado.
Outra esixencia é que os datos sanitarios da cidadanía non se garden nunha base de datos centralizada a nivel da UE, senón só no Estado membro.
A partir de xuño
"En abril levarase a cabo unha nova coordinación a nivel da UE. O obxectivo é que as chamadas negociacións a tres bandas comecen en maio", indica o Ministerio.
O pasaporte covid deberá entrar en vigor "a máis tardar o vindeiro mes de xuño en todo o territorio da UE, coa fin de impulsar o turismo na vindeira tempada estival. Ademais, os ministros piden "desenvolver solucións transfronteirizas tamén con terceiros países".