CRTVG

Buscar

O pasamento dun varón na Coruña e outro en Ferrol deixan a cifra de falecidos en Galicia en 349 persoas

Publicado o 12/04/2020 11:46

• Os datos deste domingo reflicten unha nova subida dos mortos diarios en España

Estados Unidos xa é o país con máis contaxios e mortes por coronavirus do mundo

Os datos publicados polo Ministerio de Sanidade ás 11:30 deste domingo cifran en 619 as persoas falecidas nas últimas 24 horas en España.

A última hora a Consellería de Sanidade informou do falecemento de dous varóns, un de 88 anos que estaba ingresado no CHUAC e outro de 70 anos que estaba ingresado no CHUF. Os dous tiñan patoloxías previas. A cifra coa que se pecha o sábado é a de 349 pasamentos en Galicia, quince nos hospitais na xornada de hoxe. 

 

 

Pola mañá o Sergias informara do falecemento de trece persoas que foran diagnosticadas de COVID-19. Outra vez o virus volveu ter unha especial incidencia nos maiores de 80 anos, principal grupo de risco. 

O CHUVI rexistrou o falecemento de catro mulleres, de 86, 82, 83 e 97 anos. Na área de Vigo houbo que engadir unha vítima máis, de 94 anos, que estaba ingresada en Povisa. No Complexo da Coruña faleceron un varón de 57 anos e outro de 79. Tamén houbo dúas defuncións no hospital de Ourense, igualmente dous homes, de 84 e 97 anos; e en Santiago faleceron unha muller de 90 anos ingresada no CHUS e un home de 84 que estaba na Rosaleda. Os outros dous mortos producíronse no hospital do Barbanza (un home de 97 anos) e no hospital de Valdeorras (unha muller de 87 anos). Segundo o Sergas, todos eles tiñan patoloxías previas.

Galicia rexistra un total de 5.747 casos infectados por coronavirus. Por áreas sanitarias 1.169 son da Coruña, 592 da de Lugo, 1.129 da de Ourense, 483 da de Pontevedra, 1.085 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 326 da de Ferrol. É chamativo o caso de Ourense que sobe a un ritmo elevado (+47) e está a piques de superar a área da Coruña.

Do total de pacientes positivos, 143 permanecen en UCI, 716 están en unidades de hospitalización e 4.888 no domicilio. Tamén é positivo que diminúa a presión nos hospitais galegos ao pasar a ter ocupadas seis camas de UCI e cincuenta pacientes menos en planta. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.082 altas de pacientes e 349 falecementos, 276 en hospitais e 73 en residencias.

 

Noticias web

12/04/2020