CRTVG

Buscar

Trece días de busca da muller desaparecida en Santiago, sen sinais do seu paradoiro

Publicado o 20/08/2021 14:07

Á noitiña do sábado fará dúas semanas que buscan a María Chico e non hai sinais do seu paradoiro. Sofre alzhéimer e aquí foi onde a viron por última vez, a menos de cincuenta metros da casa de vacacións na Torre da Enfesta.

Nese punto atendeunos pola mañá o seu home, que como toda a familia directa reside en Alemaña. Amósase moi agradecido a todas as persoas que a buscan.

"E desde ese día non se descansou ata este luns pasado. Durante dez días estivemos unha media de oitenta ou noventa persoas ao día e a policía andou por aquí. E agora de momento pasan por aquí. Se os paro, pregúntolles. Din que non saben nada, pero a busca intensiva daqueles días parou. Parar de todo non, porque a familia seguimos na busca, pero non sabemos onde ir", di Manuel Leis.

Na busca tamén empregaron cans adestrados, que lle perderon o rastro á beira da pista asfaltada.

"Eu penso", di o esposo, "que algún coche lle puido parar, voluntariamente, e puido levala. Non sei que pensar, pero algo diso tivo que ocorrer. Penso que por aquí non está. Hoxe traen o dron outra vez. Organizaremos mañá outra busca e seguiremos coa busca ata que marchemos".

Lembra Manuel que antonte foi o aniversario 77 de María e que está inmerso na desesperanza: "A esperanza xa se perdeu, pero eu quero encontrala aínda que sexa morta, para deixala no cemiterio e ter un sitio onde vir e lembrala. Pido a todos os galegos que me axuden, porque estou desesperado. Estou medio morto".

Noticias web

20/08/2021