CRTVG

Buscar

Tratan dixitalmente as imaxes da malleira a Samuel para identificar os agresores

Publicado o 05/10/2021 14:40

O vídeo do paseo marítimo en que se ve a violencia do ataque a Samuel Luiz foi clave na investigación do caso. Non ten son nin tampouco moita calidade. Porén unha empresa coruñesa ofreceuse a colaborar, de xeito desinteresado, coa Policía para mellorar a calidade das imaxes que gravaron as cámaras de tráfico do paseo marítimo de Riazor.

"Abriuse un proxecto confidencial e só se asignaron dúas persoas, os mellores técnicos que temos, e estiveron traballando durante un mes. Prepararon algoritmos e tratamentos que despois os ordenadores procesaron, vese o resultado, axústanse aos parámetros, vólvese probar... No proceso hai milleiros de fotogramas", explica Antonio Rodríguez del Corral, director xeral de Cinfo.

Foron quen de limpar as imaxes e quitarlles o ruído, sen modificalas nin alteralas para evitar que se discutise a súa validez en sede xudicial.

"Nós o que fixemos foi limpar as imaxes e eliminar ruído para tratar de que fosen máis entendibles para o ollo humano e, sobre todo, non alteralas. E non fixo falta utilizar intelixencia artificial porque despois da limpeza estaba todo claro", engade Antonio Rodríguez.

E así foi como lograron identificar os presuntos agresores de Samuel. Tras o último arresto, hai unha semana, xa son sete os detidos: catro deles están na cadea, unha moza que quedou en liberdade coa obriga de comparecer nos xulgados e outros dous menores de idade que permanecen nun centro de internamento.

Por outra banda, na avenida Bos Aires, cando se cumpren tres meses do crime, cunha nova mensaxe reclaman que se coñeza toda a verdade do caso Samuel.

Noticias web

05/10/2021