Trasladan unha muller ao hospital do Salnés tras un incendio na súa vivenda
Levaron un bo susto nun edificio da rúa Agustin Romero de Vilagarcía. Nunha das vivendas do terceiro andar orixinouse un incendio nesta madrugada. A súa inquilina estaba no interior. Axudárona primeiro os veciños e os servizos de emerxencia practicáronlle os primeiros auxilios ao chegaren ao inmoble.
A muller foi trasladada ao hospital do Salnés e o seu prognóstico é reservado. O lume só afectou a vivenda. A súa extinción foi rápida e non foi necesario desaloxar o inmoble. Porén o incendio provocou moito fume nas escaleiras comúns e os bombeiros confinaron os veciños no interior das súas vivendas para evitar intoxicacións.
Os técnicos constataron que había varios focos dispersos pola vivenda, polo que a Policía Xudicial xa ten aberta unha investigación e instrúe as pertinentes dilixencias.