O corpo aparecido en Cerdido podería ser o de Yago de la Puente
Os restos óseos localizados ao longo da mañá deste xoves nun monte situado no lugar da Casanova, pertencente á parroquia da Barqueira, no municipio de Cerdido (A Coruña), foron trasladados ao mediodía por un furgón xudicial ao hospital Arquitecto Naval de Ferrol, onde está previsto extraer o seu ADN.
Os ósos foron levados en 13 bolsas plásticas e agora tratarase de lograr identificar a identidade dos mesmos, atopados nunha zona dedicada ao aproveitamento forestal, localizados por unha comisión en que estiveron presente axentes da Garda Civil e forenses. Para facilitar estes labores, persoal do Concello de Cerdido colaborou cos investigadores, rozando con equipos individuais aqueles lugares que foron requiridos, nunha zona que permaneceu acordoada e vixiada desde que se deu aviso do achado.
Foi un veciño de Cerdido que estaba a buscar os marcos da súa propiedade, para poder rozala, o que localizou os ósos a última hora da tarde deste mércores. Tras o achado destes restos óseos, os investigadores traballan con varias hipóteses. A menos dun quilómetro e medio de distancia é onde se lle perdera a pista a Yago de la Puente, un mozo veciño da Coruña, desaparecido desde o 14 de xullo de 2019, cando regresaba do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. De la Puente trasladábase nun tren de FEVE en dirección a Ferrol, pero, por causas descoñecidos, supostamente apeouse do convoi en Cerdido.
Tras denunciar os seus familiares a súa desaparición, varias testemuñas aseguraron que o viran transitando nas proximidades da estación de tren. Estas manifestacións motivaron que, en varias ocasións, nos días e meses posteriores, se activaran varios dispositivos de procura, en que participaron Garda Civil, Protección Civil de varias localidades, ademais de familiares e amigos, que non lograron dar co seu paradoiro. Durante este tempo tampouco se localizou ningunha das pezas de roupa que vestía nin a mochila coa que viaxaba.