CRTVG

Buscar

Trasladan o detido pola morte de Marta Calvo ata a súa casa para un rexistro

Publicado o 17/12/2019 14:21

O sospeitoso da morte de Marta Calvo asistiu esta mañá a un rexistro da súa vivenda na localidade de Manuel. A inspección centrouse no baño da casa onde o detido asegura que despezou o corpo de Marta, antes de botalo en varios colectores do lixo.  

Pouco despois das nove da mañá, axentes da Garda Civil chegaban á localidade de Manuel acompañados polo sospeitoso da morte de Marta Calvo.

Jorge Ignacio Palma, en prisión provisional, asistiu a un novo rexistro da casa que tiña alugada aquí e en que se lle perdeu a pista á muller o pasado sete de novembro.

A inspección desta mañá centrouse no baño da vivenda, onde o detido asegurou que despezara o corpo de Marta despois de que esta morrera accidentalmente.

Os axentes desmontaron desaugadoiros e tubaxes para atopar algún resto de sangue.

Nun primeiro rexistro, os investigadores non atoparan nada, o que espertou as sospeitas de que Jorge Ignacio puido mentir e desfacerse do corpo noutro lugar.

Mentres, uns vinte gardas civís volveron á planta de residuos de Dos Aguas. Aquí buscan entre as toneladas de lixo que chegaron o pasado día nove de novembro, dous días despois da desaparición, procedente dos colectores en que supostamente o detido botou o corpo despezado de Marta.

Noticias web

17/12/2019