CRTVG

Buscar

Trasladan ao Cunqueiro os 12 contaxiados no hospital Meixoeiro de Vigo

Publicado o 18/01/2021 19:44

O gromo máis importante das últimas horas é o que se detectou no hospital Meixoeiro de Vigo. Contaxiáronse 12 pacientes e outros 10 están baixo vixilancia. Todos eles foron trasladados ao Álvaro Cunqueiro. O aumento da presión obrigou a habilitar máis espazo e a reprogramar intervencións cirúrxicas menos graves.

O gromo do Meixoeiro, un hospital que non atende enfermos de covid, orixinouse na planta de Xeriatría."O xoves, unha das traballadoras da unidade deu positivo. O venres pola mañá deuse unha alta a un dos ingresados alí. Este paciente, pola noite, acudiu a urxencias do Cunqueiro porque se atopaba mal. Nunha PCR deu positivo e desatou todas as alarmas", explica Javier Puente Xerente da área sanitaria de Vigo

As PCR posteriores a todos os ingresados nesa planta desvelaron outros 11 contaxiados. Todos eles foron trasladados ao Álvaro Cunqueiro, e tamén outros 10 que deron negativo, pero que permanecen baixo vixilancia á espera dunha segunda proba.

O aumento de infectados obrigou a habilitar unha nova ala do complexo e a axilizar as altas en fin de semana para deixar espazo libre. Tamén se trasladou outros pacientes ao Meixoeiro. "Certa actividade cirúrxica que pode realizarse nos quirófanos de alí, como certa cirurxía ambulatoria, cirurxía de curta estancia, deriváronse patoloxías de trauma, e esta engrenaxe toda permítenos ter aquí suficiente marxe", asegura Puente

No Cunqueiro había hai 2 semanas 27 pacientes con COVID. Hoxe son 72.

 

Noticias web

18/01/2021