CRTVG

Buscar

Sae de reanimación a rapaza do Carballiño agredida presuntamente por un amigo

Publicado o 20/10/2021 14:05

Xa está en planta a rapaza do Carballiño que foi agredida presuntamente por un amigo menor de 14 anos. Tras 40 días en reanimación, esta noite foi trasladada a planta. Saber que estaba fóra de perigo foilles un alivio inmenso aos seus familiares tras case mes e medio tremendo. Así o expresaba súa irmá: "Chamarnos e dicir 'xa está na cuarto' foi como deixar atrás estes últimos corenta días tan malos que levabamos".

Por diante queda aínda a parte máis complicada, din, a da rehabilitación. Polo momento aínda non se sabe o alcance de todas as lesións. "Sufriu danos moi graves", comentou a irmá, que lle afectan tanto ao movemento como a comprensión.

"Ela agora mesmo está triste. Está a pasar por unha etapa de depresión. Non sabemos exactamente por que, porque aínda non podemos comunicarnos con ela verbalmente. Tampouco pode escribir porque ten as mans moi débiles", di a irmá.

Tamén falou do alcance futuro do trauma que deixa esa agresión: "Ela nunca volverá ser a mesma en ningún aspecto, nin psicoloxicamente nin fisicamente. Só darlle paciencia, cariño e apoio e recuperar dela todo o que poidamos".

Familiares e amigos continúan loitando para conseguir que se modifique a lei e que os menores de 14 anos poidan ser imputables penalmente.

O vindeiro 30 de outubro teñen convocada unha nova manifestación que sairá da igrexa da Veracruz, no Carballiño.

 

Noticias web

20/10/2021