CRTVG

Buscar

Trasladadas ao hospital dúas persoas por mor dun incendio nunha vivenda en Vigo

Publicado o 26/12/2019 10:06

Dúas persoas foron trasladadas na madrugada deste xoves ao hospital tras verse afectadas por un incendio producido nunha vivenda de Vigo. 

O fume no corredor do oitavo andar do edificio sinistrado é a pegada do que alí ocorreu. Por causas que se descoñecen o salón da vivenda comezou a arder tras escoitarse un estourido. O matrimonio de xubilados que reside no inmoble estaba xa noutros cuartos cando escoitaron o rebumbio
Cando se decataron pediron axuda e de seguida chamaron á policía e aos bombeiros.

Chegaron axiña tres dotacións de bombeiros, a policía local e unha ambulancia que levou á parella ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xa que estaban afectados polo fume. O suceso fixo revivir outro tráxico incendio no edificio, en que morreu unha muller por pararse a cambiarse de roupa.

Nesta ocasión só houbo danos materiais e unha pequena intoxicación por fume, ademais do susto.