CRTVG

Buscar

Tras unha noite de neve nas zonas de montaña, este martes ofrece unha xornada de tregua

Publicado o 17/12/2019 14:59

Malia que amainou a choiva, segue preocupando moito a enchente dos ríos. O Miño na Peroxa continúa en alerta vermella, ao seu paso pola cidade de Ourense está en alerta laranxa. A choiva continuada, que deixou ata 120 litros por metro cadrado nos últimos cinco días, multiplicou por seis o caudal do río máis importante do país anegando as piscinas municipais, as termas e os camiños da beira do río.

Moi atentos tamén están na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ao Miño en Ribadavia, no treito en que se xunta co río Avia, tamén en alerta vermella. Outros ríos da cunca están en nivel de activación por desbordamentos e prevese que a alerta aumente coa choiva prevista para mañá e o xoves.

O río Umia tamén está a piques de desbordarse. Ao seu paso polo concello pontevedrés de Ribadumia, o río aínda non saíu do leito pero fáltalle pouco. Hai leiras anegadas pola acumulación de auga de choiva dos últimas días. Pero en Protección Civil temen ter problemas mañá. Anúnciase máis choiva e, se cadra, coa preamar pode que o río se desborde e anegue a estrada que comunica a zona recreativa de Cabanelas con Ponte Arnelas, unha pista en que non é raro que queden os coches atrancados.

Noite de neve

Con forza nevaba de madrugada na Fonsagrada, en poucos minutos a neve tinguiu de branco esta vila da montaña luguesa. Co espertar do día a neve só era un rastro na paisaxe. Non pasou o mesmo en Pedrafita do Cebreiro, onde chegaron a acumularse nas últimas horas ata dez centímetros de neve para deleite de turistas e peregrinos.  

O traballo das máquinas quitaneves fixo que non se rexistraran problemas na rede viaria principal, tan só a primeira hora da mañá había circulación condicionada na estrada local que comunica O Cebreiro con Triacastela. Mañá soben de novo os termómetros, pero chega Elsa que deixará chuvia intensa en toda a provincia.

En Ourense a neve cubriu os cumios por riba dos mil metros ainda que menos da que se agardaba. Pouca neve pero moito frío. Os termómetros caeron na Veiga ata os menos 4 graos. Unha friaxe que obriga a extremar as precaucións na estrada.

A faciana máis amable atopámola en Manzaneda. A neve cobre a estación cuns 15 centímetros de espesor. Non é suficiente para a practica do esquí, pero si para paseos e xogos en familia.

 

Noticias web

17/12/2019