CRTVG

Buscar

O cumio sobre o cambio climático só arranca o compromiso de 66 países

Publicado o 24/09/2019 08:42

Comeza en Nova York a asemblea xeral da ONU, en que van intervir durante seis días 193 representantes dos estados membros para abordar temas como o brexit, a guerra comercial, a situación en Venezuela ou en Oriente Próximo. Boa parte deles participaron no Cumio de Acción Climática que rematou co compromiso de case 70 países para eliminar as súas emisións para 2050. Con todo, Nacións Unidas estima que os gobernos deben aumentar os seus esforzos ata cinco veces máis para conter o cambio climático. 

"Quedamos sen tempo, pero aínda non é demasiado tarde", dicía o secretario xeral da ONU. António Guterres quere que este cumio sexa un punto de inflexión para frear a contaminación por carbono e o aumento do quentamento a 1,5 graos como máximo e en xeral a destrución do clima.

António Guterres, secretario xeral da ONU: "A emerxencia climática é unha carreira que estamos perdendo, pero é unha carreira que podemos gañar".

A outra protagonista do cumio foi a activista adolescente sueca Greta Thunberg, quen acusou os gobernantes mundiais de non facer o suficiente.

"A xente está morrendo e morren os ecosistemas. Estamos ao inicio dunha extinción masiva e do único que podedes falar é de dinero e de contos de fadas sobre un crecemiento económico eterno. Como vos atrevedes?", dicía Greta. 

A cara de Greta Thunberg ao ver chegar a Donald Trump foi unha das máis comentadas do cumio. O presidente estadounidense apareceu de sorpresa, contra todo prognóstico. Só dixo "son un gran crente no aire limpo e na auga limpa", pero non interveu, só escoitou as intervencións do primeiro ministro da India e de Angela Merkel. Logo foise, para asistir a unha reunión sobre a protección da liberdade relixiosa.

O cumio pechouse co compromiso en emisións cero de 66 gobernos, entre os que non están nin Estados Unidos nin China nin Rusia. España comprometeuse a achegar 150 millóns para apoiar accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.

"A crise climática actual require accións moi valentes. Agora mesmo, nin mañá nin a semana que vén, nin dentro de cinco anos. A próxima década é crucial", dicía o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez.

Rematado o cumio, a partir de hoxe, e ata o luns que vén, 90 xefes de estado participarán na 74 sesión da Asemblea Xeral da ONU, que comezará co primeiro discurso do presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, e tras el intervirá Donald Trump.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019