Trapero di que lle trasladou a Puigdemont que non compartía o plan secesionista
• Junqueras e os Jordis protestan polo que é un "xuízo político"
• Os CDR, a cara do independentismo nas rúas
Dúas citas coa xustiza marcan a axenda deste luns nas investigacións sobre o proceso independentista catalán.
Houbo varias citacións, unhas na Audienca Nacional e outras no Tribunal Supremo. No Supremo, o xuíz Pablo Llarena citou a Oriol Junqueras, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart para comunicarlles o seu procesamento polos delitos de rebelión e malversación de fondos públicos.
Nunha declaración duns 40 minutos, Junqueras dixo que convocar un referendo non é delito e negou que se dedicasen cartos públicos ao proceso soberanista. Logo compareceron Jordi Sánchez e Jordi Cuixart. Eles dous e Junqueras protestaron ante o Supremo polo que consideran que é un xuízo político. Con eles comeza a fase indagatoria do sumario. Ao longo destes días, comparecerán ante o xuíz Llarena os 25 procesados.
E a primeira hora, a maxistrada da Audiencia Nacional Carmen Lamela comunicoulles o seu procesamento por sedición e organización criminal ao ex-maior dos Mossos d'Esquadra Josep Lluís Trapero, ao ex-director deste corpo policial Pere Soler e ao ex-secretario xeral do Interior da Generalitat César Puig. Foi un trámite que só durou 10 minutos. Trapero recorreu o auto de procesamento. Alega que se desmarcou do Goberno catalán ante o referendo e que se puxo á disposición do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e da Fiscalía para cumprir as súas ordes tras a declaración de independencia.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí