CRTVG

Buscar

Transvasan o combustible a tanques da cuberta do Blue Star

Publicado o 28/11/2019 21:53

• Este venres pode comezar a extracción a camións

Os técnicos da empresa Smit, contratada pola armadora do Blue Star, ultiman os preparativos para comezar, previsiblemente este xoves, o bombeo do combustible do buque a terra. Previamente transvasaron as 60 toneladas de gasóleo e as 45 de fuel desde os depósitos do barco ata os tanques de cuberta. O bombeo a terra do gasóleo será cuestión de horas, pero o do fuel pode levar días.

Carlos Ribera, coordinador de Protección Civil de Ares: "A ver como vai o fuel, o fuel é máis perigoso e o traballo de transvasamento vai ser bastante máis lento".

Julio Iglesias, alcalde de Ares: "Porque o fuel é moito máis denso e para poder bombealo hai que darlle certa fluidez, e iso implica quentalo previamente para bombealo a terra".

En terra xa rematou o acondicionamento do firme para que poidan achegarse os camións cisterna que recollerán o combustible.

Carlos Ribera, cordinador de Protección Civil de Ares: "Os camións van entrar por unha pista duns 150 metros cara á pista principal. Van entrar marcha atrás e xa enganchan a mangueira directamente".

Os traballos de bombeo a terra do carburante deben facerse só durante as horas de luz por razóns de seguridade. Ata que rematen non se poderá abordar o rescate do buque embarrancado.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/11/2019