CRTVG

Buscar

Transportistas do carbón das Pontes cortan os accesos do porto de Ferrol

Publicado o 02/12/2019 10:01

Un grupo de transportistas de carbón que abastecen á central de Endesa nas Pontes cortaron durante preto de catro horas esta mañá o acceso ao porto de Ferrol como rexeitamento ao posible peche da central térmica.

A protesta supuxo a queima de pneumáticos desde pouco antes das 07:00 horas na entrada aos peiraos interiores da cidade, onde recollen o mineral. Efectivos policiais desviaron o tráfico por percorridos alternativos na zona, próxima á entrada ao centro urbano ferrolán.

Os transportistas forman parte do grupo de traballo local por unha transición xusta para a central térmica, que tamén integran partidos políticos, sindicatos e entidades empresariais. 

Esta acción de protesta prodúcese horas antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se reuna en Santiago, a partir das 17,30 horas, cos integrantes do grupo de traballo por unha transición xusta, composto por partidos políticos con representación no Concello das Pontes, sindicatos, comité de empresa, empresarios, comerciantes e transportistas do carbón.   

Neste encontro está previsto analizar o informe elaborado por Endesa tras a utilización como combustibles biomasa e lodos de depuradoras mesturados con carbón, para a produción de enerxía eléctrica na central térmica situada na comarca de Ferrolterra.   

Segundo o devandito informe, a utilización destes combustibles é viable tecnicamente con algúns axustes, xa que esta central está preparada para utilizar só carbón, pero recolle tamén que dita alternativa non é viable desde o aspecto económico.