CRTVG

Buscar

Tráfico trata de identificar o kamikaze que fuxiu tras provocar un accidente na AP-9

Publicado o 25/10/2019 14:04

Eran as catro e cuarto da tarde cando Tráfico recibiu o aviso. Segundo as testemuñas, un vehículo que circulaba en sentido contrario pola autoestrada do Atlántico acababa de provocar un accidente e fuxira. Ao parecer, no quilómetro 2,600 desta autoestrada, na saída da Coruña, dous turismos que ían polo seu carril atoparon de fronte este coche e as súas condutoras tiveron que facer unha manobra brusca co volante. Lograron esquivalo pero non puideron evitar chocar entre elas.

O causante do accidente non parou. A Garda Civil de Tráfico investiga para identificalo, cos datos facilitados polas testemuñas.

Unha ambulancia desprazouse á zona para atender as dúas mulleres, unha delas embarazada, que conducían os coches implicados no accidente. Sufriron feridas leves e non precisaron ir ao hospital.

Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior número de kamikazes detectados. Cada mes, Tráfico detecta 12 vehículos circulando en sentido contrario nas vías da comunidade autónoma. Hai casos en que se trata de conducións temerarias e voluntarias, pero na maior parte das ocasións son descoidos de persoas maiores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/10/2019