CRTVG

Buscar

Tráfico reconstrúe o accidente da AP-9 en Teis no que morreron tres menores

Publicado o 02/07/2019 14:03

Axentes do Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes da Garda Civil, chegados dende Mérida, recrearon esta mañá o sinistro da AP-9 no que faleceron tres mozos o pasado mes de maio. As súas conclusións serán presentadas nos xulgados nos próximos meses.

No lugar do sinistro, os axentes mediron e analizaron cada punto da autoestrada, dende o lugar da primeira colisión, ata o punto no que parou o vehículo. Uns traballos que obrigaron a curtar un dos carrís ao tráfico toda a mañá. Antes, xa examinaran o vehículo no que viaxaban os tres mozos falecidos no accidente.

Para comprobar como rodaba o vehículo sinistrado, empregaron outro turismo de características similares. Fixeron tres pasadas pola autoestrada, para o que curtaron por completo o tráfico na zona. O seu traballo servirá para reforzar a primeira versión realizada polo equipo territorial da Garda Civil.

Os axentes non quixeron avanzar ningún dato sobre as primeiras valoracións realizadas, e sinalaron que os resultados poden tardar varios meses en ser presentados no xulgado.

 

Noticias web

02/07/2019