CRTVG

Buscar

Tráfico realizará unha reconstrución do accidente de Teis

Publicado o 05/06/2019 14:37

Unha semana despois deste tráxico accidente na autoestrada AP-9, ao seu paso por Teis, onde morreron os tres mozos que ían no asento traseiro deste coche, seguen sen coñecerse as causas exactas deste sinistro brutal. Están abertas todas as hipóteses na investigación que leva a cabo a Garda Civil de Tráfico.

Nesa investigación, un dos pasos que vai dar Tráfico é realizar unha reconstrución. Esa reconstrución farase no mesmo lugar dos feitos e á mesma hora. Este grupo especializado da Garda Civil determinará con exactitude a velocidade, nun punto onde está limitada a 100 km/h. Tanto o condutor do vehículo como o copiloto, únicos superviventes, xa prestaron declaración.

O condutor do vehículo, que deu negativo na proba de alcol e drogas, levaba apenas dous meses co carné de conducir. Precisamente, en referencia a esa mocidade ao volante, dende a Garda Civil piden maior educación viaria para os condutores noveis.

As últimas cifras revelan que non hai máis accidentes ca o ano pasado a 31 de maio. Iso si, os sinistros son máis graves, aumentando o número de falecidos.

Noticias web

05/06/2019