CRTVG

Buscar

Tráfico desprega todos os medios de control no inicio da operación saída de agosto

Publicado o 31/07/2020 16:13

Entre hoxe e o domingo sairán co coche ademais das da fin de semana persoas que rematan ou empezan vacacións. Esta coincidencia suporía en anos precedentes un número de desprazamentos moito maior do que se prevé neste ano do coronavirus. A circulación de coches será importante nos accesos ás cidades e vilas grandes.

"Si que podemos constatar un aumento progresivo dos desprazamentos, aínda que non chegaremos ao cen por cento do que foi outros anos como consecuencia da pandemia", di Francisco Javier López Dopico, tenente xefe do destacamento de Tráfico de Ferrol.

Nestes tempos de accións e medios para afrontar a Covid-19, desde Tráfico fan un paralelismo co que debe ser a actuación guiando unha moto ou un coche. Iso partindo desta base seguridade viaria é seguridade vital.

"Para iso, o uso da máscaras vimos que foi fundamental na retención da propagación. A máscara podería establecerse como símil con respectos aos elementos de seguridade do vehículo; cinto e casco. O distanciamento social veu seu un factor importante ante a pandemia, na condución manteñamos a distancia de seguridade e se a hixiene de mans é moi importante para ter a raia a pandemia, pois, tamén é importante estar atentos tamén á velocidade á distracción na condución", engade o tenente.

Son recomendacións xa coñecidas. Incumprilas pode ter riscos moi graves. Tamén de tipo económico, porque van estar activos os medios de vixilancia en estradas. O despregamento de gardas centrarase nas vías convencionais e no control da velocidade.

"As furgonetas, as motos camufladas, os drons..., todos os avances tecnolóxicos que sabemos que están aí, na sociedade, estanse a utilizar en beneficio da seguridade de todos", conta López Dopico.

A DXT lembra que o obxectivo é reducir o número de falecidos en accidente de estrada. E que para iso ademáis hai instaladas videocámaras e radares fixos.

Noticias web

31/07/2020