CRTVG

Buscar

Os percebeiros acoden ao Roncudo, malia que Corme non celebra festa

Publicado o 09/07/2020 14:50

Este sábado tíñase que celebrar a Festa do Percebe do Roncudo en Corme, pero a situación de emerxencia sanitaria obrigou a suspendela. A que non se suspendeu foi a tradicional colleita de percebe.

Trinta percebeiros acudiron á cita no Roncudo. Aquí, a captura só se permite dúas veces ao ano, unha na Festa do Percebe. Este verán suspenderon a festa pero decidiron abrir igual a veda. As datas de apertura son este xoves, o día do 25 de xullo e algúns de agosto.

Roberto Vidal, patrón maior da confraría de Corme: "Hai moitos anos que se abre para a festa e o Nadal. Agora leva pechado desde o Nadal. É a zona que reservamos para as mellores datas. É a mellor zona de Corme e tamén de Galicia".

Outros anos traballaban dúas horas e media, pero agora reduciron o tempo a unha hora para non esgotar o percebe. Teñen de tope seis quilos diarios. Acoden con boas expectativas canto aos prezos pola evolución dos últimos días na Costa da Morte.

Roberto Vidal, patrón maior da confraría de Corme: "Hai bos prezos. Mesmo en maio e xuño vendeuse mellor que o ano anterior. A verdade é que tiñamos o medo no corpo polo coronavirus, pensando que ía ser un verán malo, pero sorprendeunos".

Na última semana, o percebe da Costa da Morte vendeuse a 80 e 70 euros o quilo, o máis pequeno non baixou dos 20 ou 30 euros.

Noticias web

09/07/2020