CRTVG

Buscar

Traballadores e dirección de Alcoa seguen negociando un acordo para San Cibrao

Publicado o 05/08/2020 11:14

• A empresa non cede en manter as cubas e paralizar os despedimentos para facilitar a venda

• De madrugada e sen acordo rematou a última xuntanza para negociar o ERE

 

A dirección en España da multinacional estadounidense Alcoa e o comité de empresa da fábrica de aluminio de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo, seguen reunidos en Lugo en busca dun acordo tras prolongarse as negociacións durante a noite e esta madrugada.

Alcoa suscitou un despedimento mediante un plan ERE de 534 traballadores da fábrica de aluminio, que supón máis da metade do persoal.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, anunciou ás 4:00 horas aos traballadores que a reunión iniciada ás 9:00 horas do martes estaba "sendo tensa" e que se estaban "rompendo as negociacións".

Os directivos de Alcoa, segundo Zan, "seguen empeñados en poñer encima da mesa o ERE ou o ERTE e a parada de cubas" de produción de aluminio, ao que se opoñen os empregados, indicou o representante laboral.

"Teremos que seguir forzando e, se non hai avances, a partir de mañá haberá que seguir facendo outra clase de presións dentro da materia sindical", advertiu Zan, de CCOO.

A reunión para alcanzar un compromiso debería concluír nas próximas horas, salvo un acordo para prolongar a negociación, pero os traballadores advertiron de que seguirán "loitando" e de que non están dispostos a "ceder nadiña de nada" co fin de que "as cubas non paren", segundo Zan.

O comité de empresa pediu aos traballadores regresar á casa, xa que "o traballo de presión está feito", tras horas de cánticos, arengas e descualificacións aos directivos de Alcoa durante todo o tempo que durou a reunión.

O representante do sindicato CIG, Xosé Paleo, expresidente do comité de empresa, explicou tamén aos empregados da fábrica que a dirección da empresa tiña previsto redactar "unha acta de máis de 30 páxinas" en que reflectiría a súa "desacordo" nas negociacións.

"Van redactala, van traela, imos lela e imos corrixila, polo que teremos que botar aínda un tempo", sinalou Paleo.