CRTVG

Buscar

Traballadores do hospital de Verín encérranse pola supresión do paritorio

Publicado o 02/12/2019 12:51

Traballadores do Hospital de Verín iniciaron este luns un peche indefinido nas instalacións tras a decisión do Sergas de pechar o paritorio, ao mesmo tempo que avanzaron que seguirán coas protestas mentres non se reúna con eles o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, para buscar unha solución.

O peche prodúcese despois da mobilización que tivo lugar esta fin de semana no concello ourensán e que foi secundada por miles de persoas para reclamar máis persoal e que se dote de servizos ao hospital.

En declaracións realizadas a Efe, a presidenta da comisión delegada do hospital de Verín, Eva Fernández, avanzou que van seguir encerrados ata que "o conselleiro se reúna” cos traballadores, sobre todo, “despois da resposta” que houbo este sábado á convocatoria da manifestación.

Na actualidade, ao redor de noventa persoas, entre profesionais sanitarios, embarazadas, nenos e integrantes da plataforma sanitaria permanecen encerrados desde as oito da mañá coincidindo con esta primeira xornada de peche.

Os traballadores cuestionan de novo a medida adoptada pola xerencia de pechar o paritorio atendendo a parámetros de seguridade dos bebés, ao entender que non é unha “decisión técnica”, senón política, á vez que advertiron de posibles riscos para a saúde.

Esta representante dos traballadores preguntouse como vai supoñer “máis calidade” ter que percorrer distancias de hora e media para chegar ao hospital de Ourense -especialmente embarazadas-, xa que ademais deixaron "de ter pediatra", despois de que o anterior pediatra localizado se xubilase.

A todo iso, engaden outras dúbidas relativas sobre quen vai acompañar no traslado aos menores de ata tres anos a Ourense a partir de agora, xa que non hai pediatra e o protocolo de derivación establece que “deben ir con pediatra”.

En pleno conflito polo peche do paritorio, os traballadores reclaman a dimisión do xerente do hospital comarcal da vila, Miguel Abad, e do resto do equipo, coincidindo co anuncio da dirección de suprimir o servizo de partos.

Critican que estivese “desaparecido” ata hoxe coincidindo co anuncio do peche do paritorio e que se ampare en “medidas técnicas” para xustificar a supresión do servizo.

O Sergas defende a supresión do servizo en base a escasos nacementos e, nesta liña, todos os facultativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (excepto os que están de baixa ou vacacións) asinaron un escrito para apoiar a decisión da dirección.

O pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sostivo que son os servizos de  Xinecología e de Pediatría da área sanitaria de Ourense os que propuxeron, "por razóns de seguridade", pechar o  paritorio de Verín debido "á diminución drástica de partos anuais".

"Se fixésemos o contrario (e non trasladásemos os partos a Ourense), despois de ser advertidos seriamente e por escrito, estariamos claramente poñendo en risco a seguridade das mulleres e dos seus fillos", afirmou Núñez Feijóo. 

Reaccións no Parlamento

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu, tras a multitudinaria manifestación rexistrada o pasado sábado e entre duras críticas da oposición este mesmo luns, que os populares manteñen o seu aval á decisión de pechar o paritorio de Verín (Ourense). "Recibimos as explicacións pertinentes e esa decisión, como todas as demais que se toman no ámbito sanitario galego, teñen un único obxectivo: garantir a saúde e a vida, neste caso das nais que dan a luz e dos seus fillos", esgrimiu o dirixente popular, quen, fronte aos rivais dos populares, defendeu que "non é unha decisión política".

"Non é unha decisión política tomada por criterios económicos, senón por criterios profesionais, como defenden os xinecólogos e pediatras da área", remarcou o dirixente popular, quen suxeriu que, os que critican o paso, deberían "porse no lugar" de alguén a quen un médico informa de que é máis seguro un parto nunha localización que noutra, aínda que esta sexa "máis cómoda", para ver "que farían". E é que, insistiu, "o criterio de seguridade" para as nais e os seus fillos está "por encima de todo". Así, cargou contra a oposición e afeoulle que non pedise "desculpas" aos cargos do Sergas investigados no caso da Hepatite C, após o arquivo do mesmo, pese ao "grave quebranto na súa carreira profesional".. 

No polo oposto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou que a supresión do paritorio no Hospital de Verín demostra que "cada día que pasa en Galicia a crise sanitaria é máis preocupante". Ademais, cargou contra a modificación da Lei de Saúde aprobada pola Cámara no 2018, que "eliminou as áreas sanitarias" e supuxo a "profundización de recortes, de precariedade laboral e de redución da carteira de servizos sanitarios".

Caballero tamén aseverou que nunha Galicia e cunha "baixa taxa de natalidade", a aplicación dos cocientes en función da poboación "acabaría eliminando a prestación de servizos sanitarios en ducias de municipios", polo que reclamou "un plus de atención" para as zonas despobladas. Non en balde, reivindicou que foi o ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño quen "lle deu ao ámbito público un hospital en Verín" que na última década "foi perdendo capacidade de prestar servizos". "Hai que rectificar a política sanitaria do PP, porque Feijóo vai pasar á historia como o enterrador da sanidade pública", insistiu.

Por parte do Grupo Común da Esquerda, a súa viceportavoz Luca Chao deu os parabéns a todos os participantes da multitudinaria manifestación do sábado e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a que acudan ao Parlamento para dar as explicacións "que se negan a dar". Para Chao, a supresión da unidade de partos do Hospital de Verín "non é unha excepción, senón un exemplo" do "dez anos de tesoiras" e "desmantelamento" do PP á fronte da Xunta e de Sanidade. "É unha auténtica tomadura de pelo que estean a dicir que están preocupados pola crise demográfica", engadiu.

Na rolda de prensa de Común da Esquerda tamén compareceu a parlamentaria Eva Solla, quen tachou de "indecente" que a Xunta se escude en "motivos de seguridade" para adoptar esta decisión, porque "parece bastante evidente que os profesionais teñen bastante claro cando un caso ten que ser levado a outro centro". Así mesmo, Solla relacionou a eliminación desta unidade con "a supresión das áreas sanitarias" na modificación da Lei de Saúde aprobada na Cámara en 2018: "As consecuencias estamos a velas agora".

Tamén Ana Pontón (BNG), após presentar os avais para ser candidata á Xunta, aludiu ás "moi importantes" mobilizacións en defensa da sanidade pública que se están rexistrando na comunidade, como a que tivo lugar o sábado en Verín. Todo iso, na mesma semana da folga e protestas da Atención Primaria. "E o que ten que facer Feijóo é insultar ao BNG", lamentou a dirixente nacionalista, despois de que o líder do PPdeG afirmase que o Bloque "leva 40 anos coa mesma carraca". En fronte, defendeu que debería centrarse en liquidar "problemas" da comunidade en sanidade ou noutras áreas como "a crise industrial".

A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao ofreceu declaracións aos medios para mostrar o seu apoio ao peche do persoal do Hospital de Verín deste luns e suxeriu que a "desvergoña" e a "falta de diálogo" ao redor desta decisión "merece a petición de dimisión" tanto do xerente da EOXI, Félix Rubial, como do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Así mesmo, avanzou que o seu grupo xa solicitou unha reunión coa valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, "para trasladarlle esta situación e que non se recorten dereitos e prodúzase indefensión" da poboación do rural.

Vázquez Verao lembrou que xa rexistraron iniciativas para pedir "a reposición" tanto da unidade de partos como do servizo de Pediatría de garda en Verín. "Preguntámonos cal é o criterio científico que avale que se obrigue a nenos e nenas a desprazarse 70 ou 100 quilómetros para unha urxencia pediátrica", cuestionou.