Traballadores de Alcoa fan un saque de honra reivindicativo
As reinvicacións que se escoitaron nas rúas da Coruña chegaron apenas vinte e catro horas despois ao campo de fútbol de Ponte dos Brozos. Cambiou o escenario, pero seguen intactas as esixencias dos traballadores de Alcoa.
"Nós o que demandamos da Xunta e do Goberno de España é que tomen medidas e que lle metan presión todo o posible á empresa para que manteñan as fábricas abertas e despois que busquen solucións, buscar un comprador e intervir as empresas estatalmente".
Protagonizaron o saque de honra antes do partido que enfrontou o Arteixo contra o Noia. Seguen pedíndolle á multinacional que levante o ERE. Polo momento, non queren pensar en posibles compradores.
"Temos que estar centrados no expediente, que é o problema que temos enriba da mesa. Non podemos despistarnos do noso obxectivo, que é levantar o expediente".
Advirten de que non van rebaixar a intensidade das protestas. Séntense con forzas para loitar ata o final.
"Espero que tanto a empresa como os gobernantes vexan que non imos relaxarnos e que non queremos que eles se relaxen. Creo que isto é unha loita continua e non imos baixar o ritmo. Imos tirar cara adiante con todas as forzas que temos".
Manteñen o calendario de protestas. Continúan as concentracións diarias de luns a xoves ás portas da factoría, sempre ás cinco da tarde, e hai unha manifestación convocada para día 29. O oito de novembro participarán nunha mobilización en Avilés.