CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa cortan o tráfico en Vilalba e intensifican as súas protestas

Publicado o 19/06/2020 22:31

• O comité dixo que a partir de agora realizará accións contundentes de protesta

• Convócase unha marcha nocturna por San Cibrao, que se desenvolverá este sábado

A voceira das empresas electrointensivas pide mellorar o borrador do estatuto

Arredor das once da mañá, traballadores de Alcoa cortaban o tráfico en ambos os sentidos da circulación na Autovía do Cantábrico, ao seu paso polo municipio de Vilalba.

Ducias de traballadores concentrábanse á altura da rotonda de Santaballa. Os traballadores formaron barricadas con rodas, ás que logo prenderon lume. O comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao tamén convocou así mesmo aos traballadores da planta: tanto aos do persoal como aos empregados da empresas auxiliares. 

O comité dixo que a partir de agora realizará accións contundentes de protesta, despois de que a multinacional anunciara que o 25 de xuño iniciará o proceso formal de consultas para o despedimento colectivo dun de 534 traballadores na planta de aluminio de San Cibrao.

Esgótase o tempo e medra a tensión pero non cesarán na loita. Esixen a aprobación urxente do estatuto que regule o prezo da enerxía. Unha norma que din que se atrasa polas diferencias entre o Ministerio de Industria e o de Transición ecolóxica.

"Agora o problema teno Pedro Sánchez que ten dúas ministras que non se poñen de acordo, unha di que vai sacar un marco enerxético e a outra non o saca e ao final estamos os obreiros na rúa cando prometeron hai máis dun ano que iban ter unha solución para Coruña Avilés e San Cibrao", manifestou José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Son dias decisivos para os traballadores. Maña volverán tomar as rúas nunha andaina nocturna dende a fábrica por San Cibrao. Partirá ás 22:15 horas da entrada da fábrica e os traballadores, reuniranse cos veciños da comarca no parque Reina Sofía, baixo o lema 'A Mariña sálvase loitando'.

O martes volven reunirse coa empresa pero en presenza tamén da Xunta e do Ministerio.

 

Noticias web

19/06/2020

Máis sobre Vilalba