CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa cortan a A-6 en protesta pola falta de acordo de venda da factoría

Publicado o 22/09/2020 12:08

Traballadores de Alcoa cortaron o tráfico, pouco antes das 11:00 horas, na autovía do Noroeste (A-6), á altura do municipio lucense de Outeiro de Rei, para reclamar, unha vez máis, que chegue a bo porto o proceso iniciado para a venda da planta de aluminio primario ao grupo GFG Alliance-Liberty House.

Coma noutras ocasións, formaron barricadas con rodas ás que logo lles plantaron lume, á vez que berraban consignas como "Enerxía, solución", "Álvaro Dourado, primeiro ti ao paro", "Alcoa, cabrón, vende a instalación" ou "A Solución, unha intervención". 

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao celebrou onte un pleno extraordinario en que ratificou a súa postura de "non aprobar outra cousa que non sexa a venda" da fábrica de aluminio primario ao GFG Alliance-Liberty House, porque "non hai outra solución viable" que garanta o futuro da produción e dos postos de traballo.

O presidente do comité, José Antonio Zan, confirmou que esta semana continuarán "as mobilizacións", con accións "por sorpresa" coma a desta mañá, para manter a mobilización social en defensa da Mariña e dos postos de traballo ata o final.

"Imos seguir loitando e facendo todo o que podamos", dixo Zan, para que o proceso de negociación para a venda da fábrica chegue a bo porto e se garanta por parte da empresa compradora o cento por cento da produción e o mantemento dos postos de traballo "para moitos anos".

Confirmou que nestes momentos están a producirse "reunións ao máis alto nivel, entre o Goberno de España e Alcoa", polo que opina que a multinacional americana debería aceptar a mediación do Executivo e "levar a bo termo esta venda".

A plataforma que agrupa aos traballadores das empresas auxiliares tomou a decisión de iniciar mañá unha folga indefenida. O seu portavoz, Kike Rocha, lembrou que os traballadores das auxiliares correrán a mesma sorte que os do persoal se pecha a fábrica de aluminio primario, de modo que "non se perderán cincocentos, senón mil postos de traballo".

 



 

Noticias web

22/09/2020