CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa e familiares concéntranse na praia das Catedrais

Publicado o 26/07/2020 20:13

"Non se vive só do turimo". Baixo este lema, os traballadores de Alcoa concentráronse esta mañá na praia das catedrais, en Lugo, para que non se esqueza a importancia que ten a fábrica na economía da provincia. Baixaban a ducias polas escaleiras de acceso á praia das Catedrais. Outro día máis, outra xornada máis, os traballadores de Alcoa non cesan na súa loita.

Enerxía, solución. Esta é a esixencia que se repite en cada arenga, en cada pancarta dende que alcoa presentou un ere para 534 traballadores.

Dende aquela, cada semana fan novas concentracións para visibilizar a catástrofe económica que o peche da factoría suporía para a provincia de Lugo, onde representa o 30 por cento do seu PIB.
Con concentracións como a de hoxe lembran que non se pode vivir só do turismo.

Esta semana haberá novas xuntanzas. Este luns reúnese una mesa multilateral formada polo Ministerio, a empresa, os traballadores e as auxiliares. A empresa quere hibernar as cubas para poder vender.

Os traballadores cren que este proceso paralizaría a venda da factoría, xa que reactivar as cubas é un proceso lento e moi caro que dificultaría moito a transacción. Esixen tamén que se abarate o prezo da enerxía para que a fábrica sexa competitiva e pioden a intervención do goberno para que se paralice o ere.

Noticias web

26/07/2020