CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa queren transmitir á sociedade que non son números

Publicado o 24/02/2019 21:59

A historia da fábrica de Alcoa na Coruña é a suma das historias propias do seu persoal, catrocentos homes e mulleres que levan meses de loita para evitar o peche da planta que anunciou a multinacional norteamericana. Quixeron poñerlle nomes e caras a un conflito que é moito máis ca números de expediente.

"Para Alcoa son o número 8.927, pero eu non son só un número. O meu nome é Óscar. Traballo na fábrica desde hai dezaoito anos no departamento da electrólise".

Hai nomes propios e vidas detrás dos fríos números que manexa Alcoa. Os traballadores presentáronse así para que a historia do conflito laboral da fábrica de aluminio sexa unha historia de persoas. Son preto de catrocentas que loitan contra o peche da planta.

"Para eles son o 9.043, pero en realidade son Diego García Quevedo. Levo na fábrica de electrólise 18 anos e pretendo seguir outros tantos".

O traballador Óscar Varela cre que o importante é "que a sociedade saiba que non é so unha fábrica de 380 traballadores, senón que é unha fábrica que xera riqueza e que representa futuro".

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa: "Estamos buscando unha solución. Abrimos un espazo para buscar esa alternativa e esperamos que o Goberno aprobe nas próximas datas ese estatuto das electrotensivas para que a contorna sexa o máis atractiva posible para buscar ese inversor".

O prazo para a aparición dun comprador remata o 30 de xuño. Neste acto, os traballadores de Alcoa contaron co apoio do Goberno local da Coruña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2019