CRTVG

Buscar

O Goberno accede á petición de Torra e celebrará a reunión o próximo 26 de febreiro

Publicado o 20/02/2020 10:28

A primeira reunión da mesa de diálogo entre o Goberno e a Generalitat sobre Cataluña celebrarase no Palacio da Moncloa o vindeiro mércores 26 de febreiro pola tarde.

Nunha carta enviada este xoves ao presidente da Generalitat, Quim Torra, o xefe do Goberno, Pedro Sánchez, comunícalle que acepta esa data para a reunión despois de que Torra lle informase de que por motivos de axenda non podería reunirse con el o vindeiro luns, tal e como propuxera inicialmente Moncloa, e suxería cinco datas alternativas, entre elas ese 26 de febreiro.

"Os equipos, como vostede sabe, estiveron en comunicación permanente, de modo que nos parece perfecto poder convocar a primeira sesión da Mesa de Diálogo o vindeiro mércores 26 de febreiro pola tarde, no Palacio da Moncloa", asegura Sánchez.

Na misiva, o xefe do Executivo destaca que ten a "vontade sincera de dialogar e de acordar" e propón "recomezar" o diálogo "no momento no que os camiños se separaron e os argumentos deixaron de escoitarse".

"Todos sabemos que é necesario o diálogo e esta debe ser a lexislatura que o promova. Ese é o espírito que queremos transmitir a esa Mesa na que tantas esperanzas teñen depositadas todos os cidadáns e cidadás", subliña.

Sánchez remitiu esta carta a Torra despois de que o presidente da Generalitat enviáselle outra misiva na que recrimina ao xefe do Goberno que expuxese "unilateralmente" unha data sen antes acordala.

Na súa carta, Torra lamenta que este diálogo "non comece con bo pé" e reitera que "facer propostas de data de reunión a través dos medios de comunicación, sen pactalas antes na axenda das dúas partes, non é a maneira de mostrar que se quere un diálogo honesto e frutífero".

"Vostede e eu quedamos na reunión do Palau da Generalitat que a data, así como o lugar da reunión e a orde do día, se fixaría a través duns equipos técnicos designados por ambos", sinala  Torra, que se mostra disposto a concretar estas cuestións "canto antes mellor".

Precisamente este xoves coñeceuse que o ministro de Universidades, Manuel Castells, formará parte tamén desa de diálogo e á que acudirá con ánimo de defender o seu compromiso co diálogo, unha "saída negociada e democrática".

Un foro en que, a falta de que se confirmen oficialmente todos os seus integrantes, estarán, ademais do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, a vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, e o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias.

Non está confirmado aínda pero outro dos ministros que tamén podería participar é o titular de Sanidade e secretario de Organización do PSC, Salvador Illa, quen nunha recente entrevista con Efe manifestaba a súa "firme convicción" de que a mesa de Goberno e Generalitat sobre Cataluña será un instrumento "útil" para o reencontro.