CRTVG

Buscar

A Fiscalía querélarase contra Torra malia a retirada das pancartas

Publicado o 23/03/2019 09:46

A Fiscalía Xeral do Estado vaise querelar contra o presidente da Generalitat, Quim Torra, pola súa tardanza en retirar os símbolos independentistas dos edificios públicos. Torra ordenou este venres que se quitasen as pancartas, despois de tres ultimatos da Xunta Electoral Central. Á súa vez, o presidente catalán anuncia unha querela contra a Fiscalía por prevaricación.

Funcionarios da Generalitat retiraron as pancartas da discordia ás doce e media da mañá, dúas horas e media antes de que expirase o prazo dado pola Xunta Electoral Central. Quim Torra evitou que fosen mossos d'esquadra os que quitasen os símbolos, aínda que esperou para facelo a que os axentes lle entregasen a notificación. As consellerías en mans de Esquerra Republicana foron máis dilixentes e sacaron os lazos sen máis trámite. Pero a actividade non rematara no balcón de Sant Jaume. Pouco despois das 3 aparecía outra pancarta, esta sen referencias aos presos nin símbolo ningún: só unha alusión á liberdade de expresión e á declaración universal de dereitos humanos. Pouco antes, Quim Torra xa anticipaba que non ían ceder no pulso. Quim Torra, presidente da Generalitat: "Non hai marcha atrás desde o primeiro de outubro, só a posibilidade de seguir adiante, de defender máis ca nunca ata as últimas consecuencias os nosos dereitos e as nosas liberdades, o dereito á liberdade de expresión".

Torra anuncia unha querela contra a Xunta Electoral por entender que a súa resolución foi inxusta e arbitraria. En paralelo, a Fiscalía Xeral do Estado presentará outra contra o presidente catalán por incumprir de xeito consciente e reiterado as resolucións do árbitro electoral. O presidente do Goberno non quixo valorar as denuncias, pero di que a guerra dos lazos demostra que o problema de Cataluña non é a independencia, senón a convivencia. Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Hai unha parte de cataláns non menor, senón bastante imnportante, polo menos a metade, que non se considera chamado, atraído ou identificado cunha simboloxía que claramente é partidaria".

Sánchez confía en que o 28 de abril dean un paso adiante os que queiran solucionar en vez de enquistar o problema en Cataluña.

Noticias web

23/03/2019