CRTVG

Buscar

Torra recalca que o Govern non asume o acordo entre ERC e PSOE

Publicado o 02/01/2020 11:31
Torra recalca que o Govern non asume o acordo entre ERC e PSOE

O presidente da Generalitat, Quim Torra, recalcou ao vicepresidente catalán e coordinador de ERC,  Pere Aragonès, que o Govern non asume como tal o pacto entre Esquerra e PSOE para a investidura e que calquera negociación debe conducir a unha "votación clara" sobre a independencia.

Torra reuniuse este luns con Aragonès para abordar os efectos sobre o Govern que puidese ter o pacto entre ERC e PSOE para facilitar a investidura de Pedro Sánchez, un acordo que esta tarde debe validar o Consell Nacional de ERC e que levantou bochas entre os dous socios do executivo catalán, xa que JxCat mantén o seu 'non' ao líder do PSOE.

Segundo fontes da Presidencia da Generalitat, Torra, nunha reunión duns 45 minutos, pediu explicacións a Aragonès sobre o acordo co PSOE por todo o que poida afectar ao Govern que comparten JxCat e ERC, e deixoulle claro que calquera negociación futura co Estado debe permitir unha "votación clara sobre a independencia" en Cataluña.

Pola súa banda, Aragonès, segundo as fontes de Vicepresidencia da Generalitat consultadas por Efe, propúxolle a Torra defender xuntos a autodeterminación nunha mesa de negociación co Estado -como a que ERC acordou co PSOE- e a consulta á cidadanía.

Na reunión, o presidente catalán salientou en todo caso que este acordo ERC-PSOE, que se recibe o aval do Consell Nacional de Esquerra esta tarde conlevará unha abstención no debate de investidura de Pedro Sánchez, non ten o "visto e prace" do Govern nin o "asume como tal", senón que é un acordo "entre partidos".

Fontes de Presidencia indicaron, neste sentido, que se nalgún momento se convoca esta futura mesa de negociación será o Govern quen acorde o contido e non un partido de forma unilateral.
Nesta liña, Torra advertiulle a Aragonès de que calquera acordo co Goberno central debe estar xestionado e "validado" pola Presidencia da Generalitat, xa que non se pode xestionar nada con Moncloa "á marxe" dos acordos de Govern.

O presidente catalán indicoulle ao seu vicepresidente que a posición "común" dos socios do  Govern, da que asegurou que non se "moverá", son o comunicado conxunto do executivo catalán ao reaccionar á sentenza do 'procés', a declaración da Llotja de Mar ou o pronunciamento da denominada Asemblea de Cargos Electos, no sentido de "exercer o dereito á autodeterminación, o fin da represión e a amnistía", indicou Torra.

Así, Torra insistiu a Aragonès en que as negociacións co Estado deben permitir unha "votación clara sobre a independencia" e remarcou, en referencia ás manifestacións soberanistas, que ninguén en Cataluña se mobilizou de forma "masiva" para "un novo Estatut nin para mellorar o autogoberno" catalán.