CRTVG

Buscar

Torra promete non "desfalecer nunca", como fixo Companys

Publicado o 15/10/2019 10:32
Torra promete non "desfalecer nunca", como fixo Companys

O presidente da Generalitat, Quim Torra, prometeu este martes non "desfalecer nunca" no exercicio do dereito á autodeterminación tras a sentenza do procés, como lembrou que fixo o ex-presidente catalán Lluís Companys, fusilado polo franquismo fai hoxe 79 anos.

Torra realizou unha alocución no Cemiterio de Montjuïc de Barcelona tras realizar a tradicional ofrenda floral anual na tumba de Companys, presidente catalán durante a república que foi fusilado polo franquismo en 1940.

Neste aniversario, Torra esixiulle ao Goberno central que "faga xustiza cos crimes do franquismo" e que declare o fusilamento de Companys como "crime de Estado".

Torra denunciou que a sentenza do procés ten "a vontade de que non o volvamos facer, pero volverémolo facer, porque facer un referendo non é un delito", apostilou.

"Nunca desfaleceremos no exercicio do dereito á autodeterminación", como dixo que non "o fixeron" Companys e os dous presidentes cataláns no exilio, Josep Irla e Josep Tarradellas, este último protagonista na Transición.

Torra fixo alusión á carta que Companys lle escribiu á súa muller antes de ser fusilado no castelo de  Monjuïc en 1940 tras un consello de guerra, unha misiva en que lle pide que non admita "pésames nin choros" e que "levante a cabeza".

Algo que indicou que "transcende" á actualidade, pois Cataluña "vive unha hora grave" pola "represión" que, ao seu xuízo, supón a sentenza do procés, cuxa resolución é unha "vinganza" que busca "criminalizar" o independentismo.