CRTVG

Buscar

Torra prevé adiantar as eleccións se o Supremo o inhabilita e o Parlament acata a sentenza

Publicado o 15/01/2020 12:18

Esta mañá, o presidente da Generalitat Quim admitía nunha entrevista que "se o Parlament de Cataluña chegase ao extremo de desautorizarme, seguramente estariamos uns meses cun presidente en funcións e convocaríanse eleccións".

O presidente catalán advertiu, ademais, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que o "obxecto central da negociación" que abrirán os seus gobernos debe ser "o exercicio do dereito á autodeterminación, e por tanto un referendo", así como "unha lei de amnistía".

En declaracións a Ràdio 4, Torra dixo "que se alegra" do cambio de actitude de Sánchez, que en campaña electoral "se confundía no medio das voces das dereitas españolas" e que, en cambio, onte dixo que espera reunirse "canto antes" co presidente da Generalitat.

Segundo Torra, agora Sánchez mantén unha "actitude de normalidade, de respecto institucional", aínda que "o máis importante de todas estas formalidades é que despois, cando entremos nos contidos", todos teñan a "coraxe" de "abordar o que hai que abordar".

"Veremos se, efectivamente, hai vontade real de abordar politicamente o conflito de Cataluña", que pasa por "abordar o exercicio do dereito á autodeterminación", afirmou Torra.

"Nós imos defender un referendo de independencia e unha lei de amnistía" para os líderes independentistas condenados polo Tribunal Supremo, explicou o presidente, que se queixou de que o Goberno español non expuxese aínda "ningunha proposta" para resolver o conflito catalán.

Esta tarde, no Palau da Generalitat, Torra vaise reunir con representantes de JxCat, ERC e a CUP, así como das dúas entidades independentistas, ANC e Òmnium Cultural, para preparar unha posición de consenso para as negociacións co Goberno de Sánchez.

Nesta reunión non estarán os comúns, a quen Torra pediu que "utilicen toda a súa forza" no seo do novo Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos, para defender o dereito á autodeterminación de Cataluña.

Sobre os permisos penais solicitados por Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, comentou que "cando saian os Jordis", o Palau da Generalitat "estará preparado para recibilos".

Noticias web

15/01/2020