CRTVG

Buscar

Torra menospreza a chamada de Sánchez e pide unha relación bilateral

Publicado o 12/12/2019 19:54

Pedro Sánchez empezará a chamar os presidentes das comunidades autónomas a semana que vén. Primerio o lehendakari, e despois a Quim Torra, a quen se negou a collerlle o teléfono ata en cinco ocasións tras a sentenza do procés.

Pedro Sánchez, candidato á investidura, cre que é importante para as comunidades autónomas, tamén para Cataluña, que haxa un goberno en España. "E por iso creo que é necesario falar con todos", afirma.

Ao Goberno catalán non lle vale. Consideran que é un xesto baleiro que non soluciona nada. Para verse con Sánchez, Torra esixe máis.

Meritxell Budó, portavoz da Generalitat, pide que haxa un recoñecemento institucional cara ao Goberno de Cataluña e cara ao presidente Torra. "Isto non se soluciona cunha chamada dentro da rolda de contactos con todos os presidentes autonómicos", di Budó.

Carmen Calvo, do PSOE, sinala: "Na súa liberdade está se van ou non van, se lles parece oportuno ou non. Para nós si que o é".

O PSOE gaba a actitude de Esquerra Republicana, e apela á responsabilidade de todos para desbloquear a formación de Goberno.

Pedro Sánchez afirma: "Despois do 10 de novembro hai tres actitudes: ou se forma goberno, ou se facilita o goberno ou se bloquea o goberno".

Sánchez reunirase o luns con Casado e con Arrimadas, e a partir de aí co resto de partidos. Vox xa dixo que non irá á rolda de contactos.
 

Noticias web

12/12/2019