Torra esixe o arquivamento da causa e a liberación dos acusados
O presidente da Generalitat asegura que o xuízo que comezou no Tribunal Supremo é unha farsa e unha persecución política. Nun comunicado lido na sede do Goberno catalán en Madrid Quim Torra reclamou a colaboración de asociacións internacionais dos dereitos humanos para evidenciar o que considera irregularidades e falta de garantías do proceso xudicial.
"Esixo o arquivamento inmediato da causa contra a democracia. O tribunal ten que atender as observacións que fixeron os avogados no día de hoxe se quere lograr unha mínima imaxe de imparcialidade. Esixo a posta en liberdade inmediata das presas e presos políticos para que se poidan defender con garantías... Esta causa vai acabar nos tribunais europeos e internacionais e gañarémola. Que o teñan ben claro aqueles que en nome da unidade de España non pretenden facer xustiza, senón converterse en salvapatrias", dixo o presidente da Generalitat.
Torra tamén lle pediu ao Goberno que volva á mesa de diálogo coa Generalitat.