CRTVG

Buscar

Torra envía cartas a líderes europeos para criticar a xestión do Goberno

Publicado o 20/03/2020 09:24
Torra envía cartas a líderes europeos para criticar a xestión do Goberno

O presidente da Generalitat, Quim Torra, enviou cartas aos líderes da UE para criticar a xestión do Goberno e para que o bloque comunitario asegure que as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) sexan "estritamente respectadas por todos os estados membros".

Torra enviou a misiva ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel; á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von Der Leyen, e ao presidente do Comité das Rexións, Apostolos Tzitzikostas.

O presidente catalán subliña que "a correcta xestión desta crise só será posible se damos asegurado a máxima coordinación entre todos os niveis de gobernanza".

Torra sinala que loitar contra o virus require do "compromiso total desde calquera nivel de  gobernanza", e explica a súa reclamación ao Goberno para que aplique un "confinamento obrigatorio", de maneira que ninguén poida saír ou entrar en Cataluña.

Neste sentido, pide aos mandatarios europeos que "aseguren que as recomendacións da OMS sexan estritamente respectadas por todos os estados membros".

Nunha entrevista en Catalunya Ràdio, Torra xustificou levar "as reivindicacións a onde sexa necesario" porque ve imprescindible este "confinamento total": "Ou seguimos como agora ou a vida", engadiu.

O presidente da Generalitat admitiu o seu "punto de impotencia por non poder ditar unha orde para que todo o mundo quede en casa".

Torra, que participará na reunión telemática con presidentes autonómicos do próximo domingo, afirmou que se o Exército quere axudar "que se plante na pista" do aeroporto do Prat para que os avións "non aterren". "De que serve desinfectar O Prat se seguirán chegando avións?", preguntouse.

Robles sobre as críticas de Torra ao Goberno: "Non vale todo"

A ministra de Defensa, Margarita Robles, avisou ao presidente da Generalitat, Quim Torra, que "non vale todo" e opinou que "se descualifica por si só" cando "falta á verdade" á hora de criticar a actuación do Goberno na crise sanitaria.

En declaracións a RNE, Robles referiuse ás palabras de Torra este xoves nunha entrevista á BBC na que criticou que o Goberno non decretase un confinamento total e que manteña abertos portos e aeroportos.

"O presidente da Generalitat de Cataluña, unha vez máis, falta á verdade", asegurou Robles en referencia a esas declaracións á canle británica nas cales, segundo dixo, suxeriu que "o Goberno español está a permitir a propagación do virus".

Ao seu xuízo, Torra "non ten ningunha altura como responsable político", mentres que "a cidadanía de Cataluña está moi por diante" del. A súa actitude, engadiu, supón "unha profunda deslealdade cos cidadáns de Cataluña" xa que este é "o momento de estar todos unidos vendo que medidas se  póden implementar".