Torra di que non apoiarán "gratis" a Sánchez
O presidente da Generalitat, Quim Torra, amosouse hoxe contrario a facilitar a investidura de Pedro Sánchez se este non acepta negociar con el de goberno a goberno e sen condicións. En declaracións ao diario Ara.Cat, Torra dixo tamén que mañá vai acudir ao xuízo polos lazos amarelos convencido de que é imposible que o inhabiliten.
No mesmo día en que fai ano e medio á fronte da Generalitat, coa promesa de seguir traballando por culminar o proceso de independencia de Cataluña, Quim Torra di nunha entrevista a Ara.Cat que pensa vender caro o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. Di Torra:
"Nós non votaremos máis a cambio de nada ao señor Sánchez. Nin lle daremos máis cheques en branco. Xa o fixemos unha vez na moción de censura. Votámolo gratis, porque nos parecía unha ventá de oportunidade".
Aínda que lle preocupa un maior avance de Vox nunhas terceiras eleccións, Torra asegura que, de manterse como está o punto do acordo PSOE-Podemos sobre a convivencia en Cataluña, votarán non. Sobre o xuízo ao que debe presentarse mañá polos lazos amarelos, di estar tranquilo.
"Eu cumprín co meu deber... Nós preparamos moi ben este caso, moi ben esta defensa. Penso que a cidadanía poderá velo este luns, e, por tanto, négome a ir ao xuízo pensando que serei inhabilitado".
A respecto dos cortes de días na fronteira con Francia, Torra di que a seguridade de todos e a circulación de bens e persoas hai que conxugalas co dereito á protesta.