CRTVG

Buscar

Torra desvincúlase dos CDR que o acusan de instigar o asalto ao Parlament

Publicado o 08/11/2019 08:22

O presidente da Generalitat nega calquera tipo de relación cos CDR encarcerados por terrorismo, e desmárcase dos seus plans para asaltar o Parlamento catalán. Un dos detidos declarou na Audiencia Nacional que Torra fora o que lles encargara o asalto, coa intención de proclamar a república de Cataluña o mesmo día en que se coñecera a sentenza do procés. Segundo a Garda Civil, os CDR participaron nos preparativos de Tsunami para ocupar o aeroporto do Prat. 

"O que me dixeron é que o presidente Torra estaba de acordo en ocupar o Parlament de maneira pacífica, que lles deixarían entrar, e que se pecharían alí todos", declarou Ferrán Jolis.

Esta declaración xudicial dun dos sete membros dos CDR encarcerados incluída no sumario da operación Xudas, que agora se está filtrando aos medios de comunicación, é unha das que máis convulsión está levantando. Implica o president Torra nos supostos plans dos CDR para ocupar o Parlament e declarar a República.

A través dun comunicado, o presidente da Generalitat desmárcase destas declaracións, di que non lles dá ningunha credibilidade e nega calquera relación cos CDR presos e co plan para ocupar o Parlament. Tamén pide que se aclare en que condicións foron interrogados e esixe que se preserve o seu dereito de defensa.

Para os avogados dos CDR, estas declaracións non teñen valor xurídico porque se vulneraron dereitos.

"Estas declaracións non teñen valor xurídico. Forman parte dun relato criminalizador cun claro obxectivo político", dixo Xavier Pellicer, voceiro dos avogados dos CDR. 

No sumario agora aberto figuran tamén conversas telefónicas entre varios dos detidos, en que falan de que hai outro grupo listo para actuar a partir de decembro, xaneiro e febreiro. Outro dos detidos recoñeceu que levaba un tempo fabricando explosivos, pero dixo que non tiña constancia de como se ían usar.

A Garda Civil interveulle tamén a un dos detidos anotacións dunha suposta reunión con membros de Tsunami Democràtic para coordinar as respostas á sentenza do procés. Entre esas accións, falaban de ocupar sedes de bancos, cortar estradas e ocupar o aeroporto do Prat, emulando as protestas de Hong Kong.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2019