CRTVG

Buscar

Torra desata as especulacións ao anunciar unha declaración institucional para esta mañá

Publicado o 29/01/2020 10:34
Torra desata as especulacións ao anunciar unha declaración institucional para esta mañá

O presidente catalán, Quim Torra, pronunciará este mércores ás 12.00 horas unha declaración institucional desde o Palacio da Generalitat, mentres que se atrasa a reunión do Goberno de Cataluña, prevista para as 9.30 horas, ata as 15.00 horas.

Este atraso obrigará a modificar os plans do vicepresidente do Goberno autonómico, Pere Aragonès, que tiña previsto que o Executivo catalán aprobase o proxecto de orzamentos da Generalitat para 2020 á primeira hora da mañá, para entregalos ao presidente do Parlamento de Cataluña, Roger  Torrent, ás 11.45 horas.

A modificación da axenda anunciouse a última hora desta noite, despois de que Torra consultase nas últimas 24 horas a cargos de JxCat, que lle fixeron chegar opinións moi dispares sobre como responder á decisión de Torrent, co aval de ERC, de deixar en suspenso o seu voto no Parlamento catalán tras a orde da Xunta Electoral Central de retirarlle a acta de deputado.

En JxCat houbo debate interno respecto diso, entre partidarios de botar a ERC do Goberno de Cataluña e seguir gobernando en solitario ata aprobar os orzamentos, de simplemente remodelar o executivo con algunhas substitucións, ou de convocar eleccións xa.