Torra admite que desobedeceu a Xunta Electoral
É a primeira vez que un presidente da Generalitat en exercicio senta no banco dos acusados. Como xa fixera pola mañá, Quim Torra volveu admitir pola tarde que desobedeceu a orde de retirar dos edificios públicos na campaña do 28-A os lazos amarelos e as pancartas pedindo a liberación dos políticos presos.
Quim Torra, presidente da Generalitat: "Se a pregunta é se acatei ou non a orde da Xunta Electoral Central, a resposta non pode ser máis sinxela: está claro que non, porque non se pode acatar unha orde que é ilegal".
Na súa defensa, Torra alega que a Xunta Electoral non era competente porque a Generalitat non se presentaba ás eleccións. Pero tanto a acusación publica como a particular, exercida por Vox, cren que si pretendía influír nos comicios.
Para Francisco Bañeres, fiscal superior de Cataluña, "a mensaxe que emite o lazo amarelo ou a bandeira estelada non é compartida pola totalidade da cidadanía de Cataluña e, polo tanto, non é neutral".
Nunha última palabra de marcado ton político, Torra lembrou as palabras de Pedro Sánchez sobre a Fiscalía para criticar a parcialidade da acusación pública e o tribunal.
Quim Torra, presidente da Generalitat, cre que "o ministerio fiscal xa non é un organismo que vele pola legalidade, senón que vela polos intereses do Goberno do Estado. Vostedes, este tribunal, non é un tribunal imparcial".
O xuízo quedou visto para sentenza. Piden para Torra ata 2 anos de inhabilitación, o que podería desembocar na súa substiución polo vicepresidente Pere Aragonés ou o adianto electoral.