CRTVG

Buscar

Toni Cantó renuncia á acta de deputado e deixa a política

Publicado o 15/03/2021 16:09

• Arrimadas propón a Edmundo Bal como voceiro da formación

• Cuadrado e Espejo abandonan a Executiva Permanente

O voceiro de Ciudadanos nas Cortes Valencianas, Toni Cantó, anunciou este luns que renuncia a súa acta de deputado "triste" e "cabreado" polo rumbo que tomou o partido dirixido por Inés Arrimadas. Ademais, deixa os cargos no partido e a política.

En declaracións aos xornalistas na porta da sede da formación laranxa en Madrid, Cantó dixo que abandona tras solicitar na reunión da Executiva a dimisión de toda a cúpula de Ciudadanos. Segundo explicou, a súa petición non se someteu a votación.

Cantó aproveitou este anuncio para enviar un "saúdo afectuoso" ás persoas afiliadas e aos cargos do partido que "deixan a vida". Tamén para lembrar a Albert Rivera que, na súa opinión, "deu unha lección de como se comporta un señor que sabe o que é a política".

"Ridícula" moción de censura

Do mesmo xeito, amosou a súa preocupación pola situación aberta en Murcia e na Comunidade de Madrid. Sobre a primeira, dixo agardar que se acabe retirando a "ridícula" moción de censura contra o Goberno de Fernando López-Miras (PP) que, ao seu entender, foi "unha mala idea" que se levou a cabo dun xeito "absolutamente vergonzoso".

Cantó pide ir co PP en Madrid

Respecto a Madrid, pediulle ao partido ir da man co PP ás eleccións autonómicas do vindeiro 4 de maio. "O centrodereita non pode perder a Comunidade de Madrid, é algo absolutamente esencial", defendeu, malia sospeitar que no partido non están polo labor. "En calquera caso, con quen non pode ir en Madrid é con Ignacio Aguado, que é unha das razóns fundamentais de que rachara ese Goberno".

Edmundo Bal, voceiro da formación

Durante a xuntanza da cúpula este luns en Madrid, Inés Arrimadas propuxo a Edmundo Bal, portavoz de Ciudadanos no Congreso, como voceiro da formación. Tamén a ampliación da Executiva Permanente de 7 a 16 membros.

O obxectivo era incluír neste órgano os principais líderes rexionais, como a vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís; o exvicepresidente madrileño, Igancio Aguado; o vicepresidente da Xunta de Andalucía, Juan Marín, ou o coordinador de Ciudadanos na Comunidade Valenciana. Porén, este último xa non vai formar parte da remodelación.

Outras renuncias

Ademais de Toni Cantó, o vicesecretario xeral de Ciudadanos, Carlos Cuadrado, e o seu adxunto, José María Espejo, decidiron abandonar a Executiva Permanente do partido tras a moción de Murcia. Moitos dirixentes pedíranlle a ambos os dous asumiren algunha responsabilidade.

Porén, os dous políticos, integrantes do "núcleo duro" da presidenta, van continuar na Executiva Nacional da formación laranxa.