CRTVG

Buscar

Todos os partidos, agás o PNV, acordan non poñer carteis para abaratar a campaña

Publicado o 03/10/2019 08:42

Todos os partidos representados nas Cortes, agás o PNV, asinaron onte un acordo conxunto para abaratar a inminente campaña do 10 de novembro e reducir a publicidade electoral. Con todo, PP e PSOE rexeitaron a proposta de Ciudadanos de unificar o envío das papeletas por correo, que si apoiaba Unidas Podemos. 

Na vindeira campaña electoral, a partir do 1 de novembro, non haberá nas rúas bandeirolas nin carteis nos lugares reservados como gratuítos polos concellos nin os partidos contratarán publicidade exterior ou espazos comerciais para carteis e outra propaganda.

O acordo, proposto polo PSOE, asinouno ante notario o Partido Popular, Ciudadanos, Podemos, Vox, Esquerra, Junts per Cat e Compromís. Quedou fóra do acordo a tradicional pegada de carteis que se fai a noite de inicio da campaña.

O PNV non firmou este compromiso, táchao de "ridículo e demagóxico", din que só supón unha rebaixa do 10% do total de gastos, que prexudica os partidos de ámbito territorial e critican os nacionalistas vascos que non se toque o investimento en medios ou grandes actos.

Ciudadanos lamentou que non se aceptase a súa iniciativa do mailing único, é dicir, unificar o envío da publicidade electoral aos domicilios que, segundo cálculos da formación laranxa, suporía un aforro de 20 millóns de euros. Pola súa parte, Unidas Podemos lamentou que non se contemplase tampouco a proposta da celebración dun dobre debate electoral entre os candidatos dos principais partidos.

 

Noticias web

03/10/2019